SADA OLLA DE FRONTE A VIOLENCIA DE XÉNERO CON ACTIVIDADES VIRTUAIS, REPARTO DE MÁSCARAS E TEATRO

18/11/2020

SADA OLLA DE FRONTE A VIOLENCIA DE XÉNERO CON ACTIVIDADES VIRTUAIS, REPARTO DE MÁSCARAS E TEATRO

A Concellaría de Benestar fixo un deseño de máscaras violetas "DE FRONTE Á VIOLENCIA DE XÉNERO" que se lles entregarán ás entidades, clubes deportivos, asociacións, establecementos e locais de hostalaría que se adhiran á iniciativa e que xa se poden solicitar a través da web municipal.

Coincidindo co Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o 25 de novembro, lerase un manifesto que se poderá seguir nas redes sociais e tamén presencialmente na Praza de San Roque, cumprindo con todas as medidas sanitarias e de distancia social.

Tamén se programa para o domingo 29 de novembro a obra Feminísimas de STE XEITO PRODUCIÓNS na Casa da Cultura ''Pintor Lloréns'', con capacidade reducida a 60 butacas. As entradas para este evento son de balde con reserva previa na web municipal.


Sada, 16 novembro 2020

Un ano máis, desde a área de Igualdade do Concello de Sada están a visibilizar o “noso rexeitamento ante as diferentes violencias machistas” e animan a todos e a todas a tomar parte nesta iniciativa e a dicir NON Á VIOLENCIA MACHISTA!

Durante catro anos consecutivos, mediante a campaña EN NEGRO CONTRA AS VIOLENCIAS, a Concellaría de Benestar conseguiu tinguir de negro o concello de Sada grazas á alta participación e colaboración de clubes deportivos, entidades sociais, culturais, comercio ou hostalaría. A participación neste tipo de campañas creceu ano tras ano no noso municipio acadando un alto grao de implicación da sociedade sadende ante o machismo.

Por iso, desde a Concellaría que xestiona Isabel Reimúndez queren involucrar un ano máis á poboación nestes tempos. “Somos conscientes -sinala Reimúndez- de que non son tempos fáciles para ninguén, pero a crise do COVID-19 non pode turbar e invisibilizar a nosa loita ante un dos problemas máis graves que temos como sociedade: a violencia de xénero”.

Isabel Reimúndez anima a que os establecementos do municipio, na medida do posible, sigan participando na campaña ''En Negro'', reutilizando os materiais de anos pasados (camisolas, cartelaría, chapas...) para conmemorar o Día internacional contra a violencia de xénero.

Pero ademáis, debido á situación sanitaria provocada pola #COVID19, este ano o Concello de Sada incorpora dúas novidades:

Por un lado, un deseño de máscaras violetas "DE FRONTE Á VIOLENCIA DE XÉNERO" que se lles entregarán ás entidades, clubes deportivos, asociacións, establecementos e locais de hostalaría que se adhiran á iniciativa e que poden solicitar desde a web municipal.

E, por outra banda, unha aposta polos medios telemáticos como piar desta edición. A Concellaría de Benestar evitará desenvolver actividades presenciais e desde o pasado 13 de novembro está a realizar unha campaña de actividades a través dos medios telemáticos do Concello. De todos os xeitos, de realizarse alguna actividade presencial, esta estará rexida por un estrito protocolo segundo as medidas sanitarias vixentes no momento.

A idea é visibilizar nas redes sociais esta campaña que conta con numerosas actividades. Para iso, animan en primeiro lugar a toda a sociedade civil, tecido empresarial e poboación enxeral a que tiren unha foto coas máscaras violetas e tamén empregando o material de anos anteriores e as envien a: sadaennegro@gmail.com

Ata o 15 de novembro as redes sociais do Concello promocionaron a narración poética para todas as idades e unha acción colectiva de origami con Palmira Castro dentro da campaña EN FRONTE da Deputación da Coruña.

O mércores 18 de novembro ábrese ao público a palestra “De que falamos cando falamos de ciberviolencias machistas?" dentro da campaña ''En Fronte'' e do 23 ao 29 de novembro dárase visibilidade aos contacontos para público infantil e familiar, con Marta Ortiz e Brais das Hortas.

Coincidindo co Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o 25 de novembro, lerase un manifesto que se poderá seguir nas redes sociais e tamén presencialmente na Praza de San Roque, cumprindo con todas as medidas sanitarias e de distancia social.

Finalmente, tamén se programa para o domingo 29 de novembro a obra Feminísimas de STE XEITO PRODUCIÓNS, na Casa da Cultura ''Pintor Lloréns'' con capacidade reducida a 60 butacas. Trátase dunha obra de teatro con altas doses de humor, ironía e complicidade para poñer a amizade a proba mentres analizan, desde a comedia, de que maneira as mulleres estamos a convivir neste novo mundo feminista en que se atopan mergulladas. As entradas para este evento son de balde previa reserva de butacas na web municipal.


Arquivado en:
Novas. Benestar Social e Igualdade. Sada.

Temas:
Benestar Social. Subvencións e Axudas. Formación. Educación. Participación Cidadá.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA