Sada lembra a prohibición de acceder con animais aos areais en época estival

20 / MAI / 2016

Sada lembra a prohibición de acceder con animais aos areais en época estival

- A Ordenanza Xeral de Limpeza de decembro de 2004 obriga ademais aos donos de mascotas a recoller as súas deposiciones e depositalos en papeleiras ou colectores de lixo.

- As sancións están tipificadas como graves e a contía das multas pode alcanzar os 600€.

Sada 18 maio 2016.

A Concellaría de Cultura e Praias, xestionada polos socialista Marcos Villar, lembra aos donos de animais a prohibición de acceder con eles aos areais en época estival.

Esta prohibición recóllese na normativa xeral de limpeza e medio ambiente aprobada o 7 de decembro de 2004 onde se indica no artigo 14 que “o acceso dos cans e outros animais ás praias queda expresamente prohibido desde o 1 de maio até o 15 de outubro”.

Doutra banda desde a concellaría lémbrase tamén a obrigatoriedade durante todo o ano de recoller os excrementos das mascotas tal e como indica a ordenanza.

No indicado artigo 14 da ordenanza indícase que “no caso que as deposicións queden depositadas na vía pública, xardíns ou outras zonas destinadas ao tránsito peonil, a persoa que conduza o animal está obrigada á súa limpeza inmediata e deberá depositar os restos en papeleiras ou en colectores de lixo”.

Incumprir calquera das dúas normas está tipificado en ambos os casos como sanción grave e as multas oscilan entre os 90€ e os 600€.

É por iso que a concellaría de Cultura e Praias, conxuntamente coa Policía Local,  realizará unha campaña informativa lembrando aos propietarios de cans e outros animais da prohibición expresa de acceder aos areais. Esta campaña desenvolverase até finais deste mes de maio e non suporá sanción económica para os infractores.

Será a partir de 1 de xuño cando aquelas persoas que incumpran a normativa e  que accedan aos areais do municipio con cans ou outros animais serán sancionados conforme ao artigo 56 da citada normativa.

Arquivado en