Sada facilitará a madeira nas lumeiradas da Praia das Delicias para evitar o acceso ao areal con materiais contaminantes ou perigosos

21 / XUN / 2019

Sada facilitará a madeira nas lumeiradas da Praia das Delicias para evitar o acceso ao areal con materiais contaminantes ou perigosos

-O Concello de Sada habilitará varias zonas ao longo da Praia das Delicias onde se dispensará gratuitamente a madeira necesaria para facer as lumeiradas. As persoas interesadas poderán retirar esta madeira a partir das 19:00h do 23 de xuño na busca de compatibilizar o uso habitual do areal coa celebración da festa de San Xoán.

Sada, 21 de xuño 2019.

O Concello de Sada apela á responsabilidade dos participantes na festa de San Xoan que terá lugar na Praia das Delicias o vindeiro domingo 23 de xuño e lembra que dispensará gratuitamente a madeira necesaria para realizar as lumeiradas, evitando deste xeito o acceso ao areal con palés ou madeiras con cravos e de materiais que poidan provocar producir gases tóxicos no entorno.

Desde o departamento de festexos habilitarán varias zonas ao longo da Praia das Delicias onde as persoas interesadas poderán retirar a madeira que necesiten para a realización das lumeiradas a partir das 19:00h do 23 de xuño na busca de compatibilizar o uso habitual do areal coa celebración da festa de San Xoán.

Por un San Xoán máis sostible 

Desde o Concello de Sada lémbrase que non se poderán usar combustibles líquidos e acelerantes nas lumeiradas, nin a queima e o acceso á praia con cauchos, vidros, rodas, colchóns, madeira lacada, gomaespuma, e outros obxectos que poidan producir gases tóxicos no entorno así como con mobles, sofás, obxectos voluminosos e madeiras que leven puntas ou cravos como palés ou caixas.

Desde o Concello de Sada faise unha chamada á responsabilidade e ao respecto ao medioambiente. “Debemos desfrutar da noite de San Xoán na praia pero tamén debe quedar o areal libre de calquera obxecto contaminante ou perigoso para a saúde unha vez rematada a festa”. A Praia das Delicias deberá quedar libre ás 06:00 horas do día 24 de xuño para que a concesionaria responsable do servizo de limpeza poida levar a acabo as actuacións necesarias para habilitar o areal para o seu uso común.

Nas recomendacións que publica o Concello de Sada se advirte que non se poderá realizar a  solta de globos de papel, faroliños chinos, voadores ou similares cuxo medio de ascensión sexa o lume. E solicitan a colaboración dos participantes depositando os residuos nas zonas de recollida habilitadas para tal fin nos accesos ás praias.

Arquivado en