SADA ESIXE EXPLICACIÓNS AO GOBERNO DO ESTADO SOBRE AS RAZÓNS POLAS QUE NON RECORRE A SENTENZA DO PAZO

19/02/2021

SADA ESIXE EXPLICACIÓNS AO GOBERNO DO ESTADO SOBRE AS RAZÓNS POLAS QUE NON RECORRE A SENTENZA DO PAZO

Inaudito que o goberno do Estado declare como positiva unha sentenza que declara posuidores de boa fe aos Franco e obra a compensarlles os gastos desde 1975.

Non hai razóns xurídicas para que o Estado non recorra. E non facelo compromete as accións das outras partes e o futuro doutras demandas en relación co patrimonio detentado polos Franco.


 

Sada, 18 febreiro 2021.

O Concello de Sada demanda explicacións públicas das razóns polas que o Estado tolera pasivamente, sen recorrer, unha sentenza que recoñece a condición posesoria de boa fe dos Franco, desde o propio ditador ata os actuais herdeiros, e obriga a compensalos polos gastos necesarios (de mantemento) e útiles (de mellora), desde 1975.

Dito pronunciamento do fallo da sentenza, o da liquidación posesoria de boa fe dos Franco desde 1975, non so vai radicalmente en contra do defendido pola avogacía do Estado no proceso xudicial senón que tamén supón unha alteración substancial do relato histórico do acontecido en Meirás, convertendo aos Franco e ao propio Franco de espectadores pasivos do que alí aconteceu.

Unha decisión do goberno do Estado que, amais, compromete tanto o exercicio das accións procesuais en materia de recursos das outras partes persoadas como adesivas simples (caso do Concello de Sada) senón que compromete tamén accións xudiciais futuras doutras administracións en futuras demandas de recuperación de bens detentados  polos Franco.

Se o goberno do Estado entende que non procede a interposición de recurso de casación contra da sentenza da Audiencia Provincial da Coruña, o que agarda e esixe a cidadanía galega en xeral, e sadense en particular, son explicitar as razóns xurídicas e fundamentos de tal decisión, e non, simplemente, dicir, sen mais, que a sentenza é positiva para o Estado.

Se o Estado entende que ese apartado da sentenza, o referido á liquidación posesoria, é positiva para o Estado, o que debería explicar o goberno do Estado é se considera que declarar de boa fe aos Franco, coa obriga de compensalos economicamente polos gastos desde 1975, é tamén positiva para o Estado. E tamén debería xustificar os goberno do estado se é positivo para os intereses públicos e democráticos que unha sentenza, no 2021, considere a Franco como un simple actor pasivo que nada participou no proceso e que  unicamente quixo regularizar e legalizar un título de propiedade  radicalmente nulo.

O goberno do Estado está a tempo de rectificar e recorrer a sentenza. E iso é que o se agarda dun goberno nun Estado democrático de Dereito.

SENTENZA PAZO MEIRÁS

A Audiencia Provincial de A Coruña confirmou días atrás que o Pazo de Meirás é propiedade do Estado, ratificando unha setenza histórica acadada desde Galicia, polo que supón o paso ao patrimonio públicodun inmoble conseguido coa represión do Estado fascista, a dictadura e o totalitarismo de Franco.

Con todo, o goberno local non comparte varias das consideracións contidas nos fundamentos da sentenza, e, moi especialmente, a declaración como poseedores de boa fe dos herdeiros do ditador e a conseguinte incorporación ao fallo da obriga de liquidación posesoria en tal condición, o que obriga a abonarlles non so os gastos necesarios senón tamén os gastos útiles e, moi especialmente, a consolidar a favor dos Franco todos os ingresos xerados polo Pazo e non compensalos na liquidación. Ou, o que é o mesmo, de acordo co fallo os Franco quédanse cos ingresos e o Estado estaría a abonarlles os gastos desde 1975.

Algo que  o alcalde de Sada considera non axustado a dereito, dado que, tal e como recollía a sentenza do Xulgado, a posesión dos herdeiros do ditador debe ser considerada como de mala fe. Considerar que eran descoñecedores ou ignorantes da posesión ilegal do Pazo e das condicións nas que Franco adquiríu e detentou o Pazo non é crible.

“Os Franco non poden resultar beneficiados da posesión dun ben detentado ilegalmente desde a súa orixe, apropiándose  e consolidando os ingresos obtidos durante tantos anos. Franco actuou de mala fe e os seus herdeiros, tamén”, subliña o alcalde de Sada.

O goberno local lembra que a sentenza da Audiencia omite o feito de que o ditame da comisión de expertos, no que fundamenta parte da súa decisión,  contou cun Voto Particular do Concello de Sada, que, precisamente argumentaba a consideración posesoria como de mala fe. 

En consecuencia, e aínda parabenizándose do fallo confirmatoria respecto do principal, a incorporación do Pazo ao Patrimonio Público, o Concello de Sada solicitaba expresamente que as outras partes (Estado, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Concello de A Coruña), en especial ao Estado como parte actora, formalizasen recursos no apartado concreto do fallo relativo á liquidación do estado posesorio como de boa fe.

 

Arquivado en:
Novas. Alcaldía . Meirás. Urbanismo.

Temas:
Economía. Urbanismo. Participación Cidadá.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA