Sada e A Coruña firman un convenio xunto con Emalcsa e a Universidade da Coruña para determinar as circunstancias e solucións ás inundacións

08/09/2016

Sada e A Coruña firman un convenio xunto con Emalcsa e a Universidade da Coruña para determinar as circunstancias e solucións ás inundacións

- Benito Portela, amosou o seu agradecemento tanto a Emalcsa, como ao Concello da Coruña. “Esta actuación denota, unha vez máis, a vontade metropolitana que ten este novo Goberno local de colaborar cos concellos de toda a área, e demostra o importante que é poñer o coñecemento ao servizo da xente, como podemos ver neste proxecto, que tamén contará co apoio da universidade. É un exemplo a seguir por outros concello”.

 - Xulio Ferreiro pon A Coruña,   “como exemplo das vantaxas da colaboración supramunicipal” na firma dun convenio entre Emalcsa e Sada, para deseñar sistemas de auga urbana eficientes.

- A empresa municipal de augas levará a cabo, coa colaboración da universidade e o concello sadense, un estudo sobre “as causas, motivos e solucións das riadas”

- Declaracións do alcalde da Coruña e do alcalde de Sada

Sada, 8 de setembro de 2016.­ ​

O alcalde de Sada, Benito Portela, e o rexedor da Coruña, Xulio Ferreiro, firmaron esta mañá un convenio mediante o cal a segunda asesorará ao ente municipal sobre as actuacións do sistema de auga municipal máis adecuadas para o futuro, en termos de eficiencia e sostibilidade.

Este acordo irá acompañado dunha primeira acción, pola cal, Emalcsa, co apoio de Geama (Grupo Especializado en Enxeñería da Auga da UDC), desenvolverá, en colaboración cos servizos tecnicos do Concello de Sada, unha modelización e análise da zona das Brañas de Sada, así como da desembocadura do Río Maior, co propósito de “determinar as circunstancias, motivos e solucións ás inundacións acaecidas no mes de febreiro do presente ano na vila coruñesa”.

Portela, amosou o seu agradecemento tanto a Emalcsa, como ao Concello da Coruña. “Esta actuación denota, unha vez máis, a vontade metropolitana que ten este novo Goberno local de colaborar cos concellos de toda a área, e demostra o importante que é poñer o coñecemento ao servizo da xente, como podemos ver neste proxecto, que tamén contará co apoio da universidade. É un exemplo a seguir por outros concello”, dixo Portela.

Ferreiro, insistiu na necesidade de que os concellos e as institucións leven a cabo traballos cooperativos, baseados na lealdade institucional e no ben da cidadanía. “Cremos que o Concello da Coruña é un exemplo das vantaxas da colaboración supramunicipal, e hoxe temos un novo exemplo”, comentou o rexedor, que en calidade de presidente de Emalcsa, presidiu xunto a Portela, a firma do convenio entre a Empresa Municipal de Augas da Coruña e o Concello de Sada, mediante o cal a primeira asesorará ao ente municipal “sobre as actuacións do sistema de auga municipal máis adecuadas para o futuro, en termos de eficiencia e sostibilidade”. “Emalcsa, e o Concello da Coruña por tanto, ponse a disposición do Concello de Sada para poder darlle soporte”, comentou o rexedor.

A sinatura deste convenio permitirá que senllas institucións compartan experiencias e coñecementos e consigan “achegarse a solucións adecuadas no abastecemento e saneamento do citado concello”.

Na actualidade, Emalcsa, no camiño por afianzar as súas políticas de I+D+i, levou a cabo numerosas actividades conxuntas coa Universidade da Coruña (UDC). Neste marco, ambas entidades acaban de presentarse á convocatoria autonómica das UMI´s (Unidades Mixtas de Investigación), co proxecto Plataforma Dusa (Desenvolvemento Urbano Sensible ao Auga), cun orzamento de 2 millóns de euros. Este proxecto permitiría analizar a situación dos modelos de xestión e as tecnoloxías implantadas na comunidade galega, de cara a desenvolver, sobre unha plataforma de xestión, modelos sostibles de xestión e gobernanza da auga.


Arquivado en:
Alcaldía. Novas. Facenda, participación cidadá, transparencia, normalización lingüística e seguridade cidadá. Administración local, Obras e Servizos. Urbanismo e Emprego.

Temas:
Subvencións e Axudas. Formación. Urbanismo. Medio Ambiente. Obras e Servizos.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA