Sada comeza a humanización da rúa Ponte

13/02/2019

Sada comeza a humanización da rúa Ponte

-Esta actuación virá unificar e humanizar a zona facendo da rúa Ponte unha zona de paseo a imaxe e semellanza da rúa Linares Rivas e da Praza de San Roque, primeiras en sufrir este cambio, ou da Praciña do Conde, Travesía da Obra, fronte da Oficina de Correos ou rúas Oleiros ou Abegondo, que se realizaron, ou se están levando a cabo, durante estes últimos anos

 


Sada, 12 febreiro 2019

Onte comezaron as obras de mellora e humanización da rúa Ponte que une a comercial Linares Rivas co paseo da avenida da Mariña, fronte o edificio modernista de A Terraza.

O interese para desenvolver unha obra destas características céntrase en definir as melloras que os comerciantes e veciños demandan das infraestruturas e os servizos públicos, ademais de novas pavimentacións e servizos no núcleo comercial da cidade de Sada. Igualmente, preténdese conciliar os aspectos que nunha actuación destas características conflúen: as necesidades municipais, a moderna perspectiva empresarial e  as virtudes do comercio tradicional e o ambulante xa que a rúa Ponte e unha das entradas do mercado tradicional ambulante do Feirón que convive desde hai varias décadas co comercio do centro comercial da localidade.

As obras de mellora que acomete a concellería de Obras e Servizos son os servizos municipais básicos: auga, saneamento de residuais e pluviais e a iluminación pública. Trátase de substituír tramos de acometidas aos servizos de auga, saneamento e pluviais, así como instalar unha canalización subterránea para iluminación pública. Así mesmo, instalaranse os tramos necesarios de tubaxe para dirixir as augas de pluviais, provenientes das cubertas dos edificios existentes directamente ao colector subterráneo existente baixo as rúas obxecto de proxecto. Igualmente, preténdese instalar os tramos necesarios de canalizacións subterráneas para proporcionar a subministración eléctrica, telecomunicacións, etc. ás vivendas existentes. Actualmente, algúns destes servizos atópanse grapados ás fachadas dos edificios e en casos atravesan algunhas rúas con vans aéreos.

PAVIMENTACIÓN

Se substituirá o 100% do pavimento e para iso proxéctase un pavimento peonil con plaqueta prefabricada en granito e pavimento vehicular con lastro de pedra, ambos os pavimentos estarán separados por un bordo de granito.

SANEAMENTO DE AUGAS RESIDUAIS

Os pozos de rexistro haberán de ser reparados na súa base ou no seu cono superior ademais de limpeza e inspección. Igualmente, substituiranse as acometidas dos edificios que se considere da rúa Ponte (algunhas acometidas foron executadas recentemente), conectándose aos pozos de rexistro para ser transportadas ditas augas cara aos colectores principais.

SANEAMENTO DE AUGAS PLUVIAIS

Prevese a construción dun pozo de rexistro para acceso á canle existente e así facilitar a limpeza do mesmo. Igualmente, a instalación de sumidoiros con tramos de canle reixa e as necesarias acometidas.

ABASTECEMENTO DE AUGA.

Prevese a substitución e inclusión de dúas válvulas de corte xeral en tramos co obxecto de poder sectorizar en caso de avarías

ALUMBRADO PÚBLICO.

Os tendidos actuais son aéreos grapados a fachada, e nalgún caso, dispón de vans aéreos para atravesar transversalmente as rúas, preténdese por tanto eliminar estes antiestéticos cableados instalando tubaxes enterradas e arquetas de paso e rexistro para no seu momento cablear e fornecer a iluminación dunha forma máis adecuada e fiable.

OBRAS DE NOVA INSTALACIÓN NON MUNICIPAIS.

Neste capítulo prevese prestar axudas de albanelaría e instalar tubaxes para servizos subterráneos a substituír ou mesmo instalar por primeira vez, como a subministración e distribución de enerxía eléctrica, os prismas de canalizacións de telecomunicacións, acometidas de gas, etc. As distintas compañías subministradoras destes servizos serán informadas sobre a intención de re-urbanizar a zona e convidadas a instalar as tubaxes que consideren necesarias.

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado mes de decembro a contratación por procedemento aberto da obra de pavimentación e mellora das instalacións da rúa Ponte, con cargo ao PAS complementario, por importe de 66.068,08€.

 


Arquivado en:
Alcaldía. Novas. Administración local, obras e servizos. Avisos. Urbanismo e emprego. Sada.

Temas:
Subvencións e axudas. Urbanismo. Vivenda. Mobilidade. Participación cidadá. Obras e servizos.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA