Sada aproba a contratación da obra de pavimentación e mellora de instalacións da rúa Ponte

20/09/2018

Sada aproba a contratación da obra de pavimentación e mellora de instalacións da rúa Ponte

-O proxecto contempla actuacións de mellora de pavimento, a substitución dos pozos de rexistro de augas residuais, a construción dun pozo de rexistro para acceso á canle de pluviais, a substitución e inclusión de válvulas de corte xeral en tramos co obxecto de poder sectorizar en caso de avarías e finalmente a instalación de canalización subterránea para a iluminación pública así como a nova canalización de subministración e distribución de enerxía eléctrica ou telecomunicacións.


Sada 17 setembro 2018

O pasado venres a Xunta de Goberno Local aprobou a contratación por procedemento aberto da obra de pavimentación e mellora das instalacións da rúa Ponte, con cargo ao PAS complementario, por importe de 66.068,08€.

O Concello de Sada, a través da concellaría de Obras e Servizos, realizará a actuación de mellora nesta rúa de densidade de poboación alta, ao ser unha zona céntrica, e de gran tráfico peonil.  As obras que se proxectan tratan de peonalizar a rúa indicada para integrala no chamado Centro Comercial Aberto e favorecer o tráfico peonil, permitindo o tráfico de vehículos a garaxes de residentes, dotándoa de amplas beirarrúas e pavimentos idénticos ao da rúa Linares Rivas, eixo do denominado Centro Comercial.

Nesta zona, os servizos que precisan obras de mellora son os servizos municipais básicos: auga, saneamento de residuais e pluviais e a iluminación pública. Trátase en particular de substituír tramos de infraestruturas básicas situados en chan público, acometidas aos servizos de auga, saneamento e pluviais, así como instalar unha canalización subterránea para iluminación pública. Así mesmo, instalaranse os tramos necesarios de tubaxe para dirixir as augas de pluviais, provenientes das cubertas dos edificios existentes directamente ao colector subterráneo existente baixo as rúas obxecto de proxecto. Igualmente, preténdese instalar os tramos necesarios de canalizacións subterráneas para proporcionar a subministración eléctrica, telecomunicacións, etc. ás vivendas existentes. Actualmente, algúns destes servizos atópanse grapados ás fachadas dos edificios e en casos atravesan algunhas rúas con vans aéreos.

PAVIMENTACIÓN

Se substituirá o 100% do pavimento e para iso proxéctase un pavimento peonil con plaqueta prefabricada en granito e pavimento vehicular con lastro de pedra, ambos os pavimentos estarán separados por un bordo de granito.

SANEAMENTO DE AUGAS RESIDUAIS

Os pozos de rexistro haberán de ser reparados na súa base ou no seu cono superior ademais de limpeza e inspección. Igualmente, substituiranse as acometidas dos edificios que se considere da rúa Ponte (algunhas acometidas foron executadas recentemente), conectándose aos pozos de rexistro para ser transportadas ditas augas cara aos colectores principais.

SANEAMENTO DE AUGAS PLUVIAIS

Prevese a construción dun pozo de rexistro para acceso á canle existente e así facilitar a limpeza do mesmo. Igualmente, a instalación de sumidoiros con tramos de canle reixa e as necesarias acometidas.

ABASTECEMENTO DE AUGA.

Prevese a substitución e inclusión de dúas válvulas de corte xeral en tramos co obxecto de poder sectorizar en caso de avarías

ALUMBRADO PÚBLICO.

Os tendidos actuais son aéreos grapados a fachada, e nalgún caso, dispón de vans aéreos para atravesar transversalmente as rúas, preténdese por tanto eliminar estes antiestéticos cableados instalando tubaxes enterradas e arquetas de paso e rexistro para no seu momento cablear e fornecer a iluminación dunha forma máis adecuada e fiable.

OBRAS DE NOVA INSTALACIÓN NON MUNICIPAIS.

Neste capítulo prevese prestar axudas de albanelaría e instalar tubaxes para servizos subterráneos a substituír ou mesmo instalar por primeira vez, como a subministración e distribución de enerxía eléctrica, os prismas de canalizacións de telecomunicacións, acometidas de gas, etc. As distintas compañías subministradoras destes servizos serán informadas sobre a intención de re-urbanizar a zona e convidadas a instalar as tubaxes que consideren necesarias.

Arquivado en:
Alcaldía. Novas. Administración local, obras e servizos. Avisos. Urbanismo e emprego. Sada.

Temas:
Subvencións e axudas. Urbanismo. Participación cidadá. Obras e servizos.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA