Sada acondiciona uns 8.000 metros de parcelas particulares para ampliar os aparcadoiros

21 / XUN / 2017

Sada acondiciona uns 8.000 metros de parcelas particulares para ampliar os aparcadoiros

O Goberno Municipal de Benito Portela mantén contactos cos donos de varias parcelas situadas no centro urbano para, da mesma maneira que o pasado verán, "conveniar a súa cesión temporal" e "acondicionalas como aparcadoiro público gratuíto" na contorna das Brañas.

Sada, 21 xuño 2017

As tarefas de acondicionamento comezaron a principios desta semana nas parcelas cos acordos de cesión xa pechados e este mediodía abríronse para o seu uso polos veciños de Sada.

O resultado das conversacións permitirá adecuar 8.000 metros cadrados de terreos para estacionamento público, previa intervención para o seu mantemento e conservación, que asume o Concello de Sada.

Os responsables municipais insisten nas "necesidades históricas" de aparcadoiro existentes no centro urbano, sobre todo en época estival, e en que "grazas sobre todo aos veciños propietarios poderemos habilitar novas zonas de aparcadoiro gratuítas"? a só un par de minutos da Terraza e un de San Roque.

Neste sentido, valoran a iniciativa como un elemento máis na dinamización do municipio que, durante os meses de verán non só multiplica a súa poboación, senón que é un dos máis visitados da comarca, sen ir máis lonxe este venres con motivo das celebracións de San Xoán.

Arquivado en