Portela solicita á conselleira de Medio Ambiente a realización da canalización do río Maior ao seu paso por Sada

30 / NOV / 2016

Portela solicita á conselleira de Medio Ambiente a realización da canalización do río Maior ao seu paso por Sada

- Na reunión que mantiveron onte pola mañá en Santiago o alcalde de Sada mostroulle á conselleira de Medio Ambiente o estudo realizado polo GEAMA e EMALCSA onde ademais de buscar as causas das inundacións do pasado 30 de marzo indícanse as solucións achegadas polo grupo de enxeñaría da Universidade da Coruña.

Sada 30 novembro 2016.

Onte pola mañá o alcalde de Sada, Benito Portela, desprazouse á concellería de medio Ambiente para mostrarlle á conselleira, Beatriz Mato, as conclusións do estudo realizado polo Grupo de Enxeñería da Auga e Medio Ambiente da Universidade da Coruña e EMALCSA onde, ademáis de buscar as causas das inundacións do pasado 30 de marzo, se propón solucións para que non se volva a dar un suceso semellante.

Dentro das propostas do GEAMA a máis importante é a canalización, do río Maior ao seu paso por Sada e máis concretamente no tramo da rúa Venezuela entre a rúa Linares Rivas e a avenida da Marina até a súa saída ao mar.  

O primeiro tramo que discorre por rúa Lagoa, entre a glorieta de Cantalarrana e o cruzamento coa rúa Linares Rivas,  dispón de suficiente anchura ao tratarse dun caixón. O que o alcalde de Sada expuso hoxe na Xunta é a execución da canalización mediante un caixón no segundo tramo, que actualmente conta con ovoides e tubaxes de escasa sección, o que provoca un importante efecto barreira, xa que nas Brañas conflúen tres ríos que desembocan no mesmo punto.

“Presentamoslle á conselleira e ao director de Augas de Galicia a proposta de ampliación da canalización urbana que existe na parte final da desembocadura e que actualmente resulta insuficiente para sucesos como o que aconteceu no mes de marzo e que consiste en seguir co marco existente ata a desembocadura do río.”

Tendo en conta o obxectivo de presentar o proxecto de Orzamentos 2017 da Xunta de Galicia na próxima semana, como consta no informe sobre o calendario de elaboración dos Orzamentos para 2017 realizado pola Consellería de Facenda e analizado no Consello da Xunta, Portela solicitou unha reunión urxente coa conselleira de Medio Ambiente para mostrarlle as actuacións que se deberían realizar con cargo a ditos orzamentos así como os estudos realizados polo Grupo de Enxeñería da Auga e Medio Ambiente da Universidade da Coruña da modelización das Brañas e o Río Maior.

“Coido que todos os políticos con responsabilidade nos ámbitos da administración deste problema están sensibilizados co que pasou en Sada, indicou Portela ao termo da reunión, e estou seguro que a conselleira de Medio Ambiente tamén. Beatriz Mato transmitiume que desde o seu departamento van facer o posible para axudarnos co proxecto que debería estar finalizado o próximo ano e que ten un custe de preto dun millón de euros”. 

Portela destacou tamén o compromiso do presidente da Deputación Provincial, Valentín González Formoso, quen a pasada semana tamén anunciou o apoio do ente provincial para un proxecto de cambio das canalizacións de pluviais e residuais en Cantalarrana, zona onde se produciron as inundacións. A Deputación Provincial achegará 150.000 euros para dito proxecto e o Concello de Sada asumirá o resto ate os 287.000 euros de orzamento do proxecto.

Arquivado en