O Pleno aproba actuacións en Sada por valor dun millón de euros

27 / OUT / 2017

O Pleno aproba actuacións en Sada por valor dun millón de euros

-O modificativo de crédito para uso do remanente de tesouraría contempla obras nas rúas Sadadarea e República Arxentina, a reparación de 25 camiños nas parroquias e a mellora dos parques infantís do Paseo Marítimo e do Porto.

-O segundo modificativo, que aprobou o Pleno por maioría absoluta, ten como obxecto o financiamento de actividades, obras e actuacións municipais realizadas nos últimos meses, así como novas necesidades e prioridades derivadas da acción de goberno por valor de 65.000€.

Sada 27 outubro 2017.

A corporación sadense aprobou no pleno do xoves 26 de outubro dous modificativos de crédito que supoñen actuacións a realizar con cargo ao remanente de tesouraría, así como gastos en mantemento e pequenas obras realizadas nos últimos meses, por valor de preto dun millón de euros.

Dentro do primeiro modificativo atópase a pavimentación beirarrúas e mellora de servizos na rúa Sadadarea (73.000€) e a mellora de servizos en cálea República Arxentina (135.000?), a reparación de 25 camiños en todas as parroquias do termo municipal (363.000€), a renovación íntegra do parque infantil do Paseo Marítimo adaptando os novos xogos ás normativas actuais (248.000€) e a mellora do parque situado no Porto baixo o muro de Fontán, engadindo novos xogos e unha zona para a práctica da calistenia (25.000€).

O goberno municipal de Sada presentou ao pleno ordinario, tamén para a súa aprobación, outro modificativo de crédito como consecuencia de certas actividades, obras e actuacións municipais realizadas nos últimos meses , así como novas necesidades e prioridades derivadas da acción de goberno.

Dentro deste modificativo destaca a realización de obras de mantemento nos centros educativos do municipio (15.000€), a realización de obras de mantemento nas escolas infantís municipais (10.000€), así como obras de mantemento para os centros sociais do concello (5.000€).  Ademáis das obras de mantemento, que desde as concellerías de Educación e de Benestar se realizaron tanto nos colexios como nas escolas infantís, este ano o Concello de Sada asumiu o mantemento do colexio O Mosteirón , logo de que a comunidade escolar de dito centro solicitase una solución a un problema que levaba moitos anos enquistado.

Outra das actuacións incluídas son as obras de conservación na piscina do Castro, que realizou o concello previamente á apertura das instalacións o pasado verán. Por segundo ano consecutivo o Concello de Sada, a través da concellería de Deportes, conveniou o uso, por parte da cidadanía sadense,  das instalacións na Pía do Loureiro coa Cerámicas do Castro, aumentando a asistencia con respecto ao ano anterior.

As  obras de mantemento dos  centros sociais do concello (5.000€),  diversos subministros relacionados coa piscina de O Castro e centros sociais municipais (3.000€), gastos relacionados coa adaptación á normativa de seguridade dos eventos municipais e actuacións de carácter cultural (23.000€), material promocional do Concello (2.000€) e obras de rebacheo nos camiños municipais (7.000€) completan o modificativo de crédito que o goberno municipal presenta ao pleno de esta tarde.

Do informe do intereventor se desprende que o modificativo de crédito mantén o equilibrio orzamentario que impón o artigo 16.2 do R.D. 500/1990 polo que “a presente modificación non ten efecto sobre o nivel de endebedamento do Concello de Sada”

Arquivado en