O pleno aproba a cesión á Deputación de terreos para execución de beirarrúas en Meirás

30 / NOV / 2018

O pleno aproba a cesión á Deputación de terreos para execución de beirarrúas en Meirás

-A favor da proposta de alcaldía situáronse Sadamaioría, PSOE, PDSP e BNG, sendo a postura do PP de abstención.

Sada, 30 novembro 2018

O Pleno do Concello de Sada aprobou onte a posta a disposición da Deputación da Coruña de terreos para execución de beirarrúas na estrada de DP-5812 ao seu paso por Meirás. O alcalde de Sada, Benito Portela, deu conta na comisión informativa do pleno das reunións mantidas cos técnicos da Deputación da Coruña en referencia ao proxecto “Mellora da seguridade viaria na DP-5812 de Meirás a Santa Cruz no termo municipal de Sada”.

Unha vez localizadas polos servizos técnicos municipais as fichas necesarias para que o Concello puidese acordar cos propietarios a cesión das parcelas, aos efectos de realizar a execución de beirarrúas na estrada de titularidade da Deputación DP-5812 ao seu paso por Meirás, trasládase ao pleno a proposta de cesión das citadas parcelas.

A proposta de alcaldía considera que “dita actuación é de interese municipal, dado que permitirá unha maior seguridade peonil” na zona, someteu á consideración do Pleno pór a disposición da Deputación da Coruña os terreos para as obras de execución de beirarrúas na estrada DP-5812, achegando as actas de cesión que se subscribiron cos propietarios, e facultar a Alcaldía para realizar todos os trámites precisos para o desenvolvemento deste acordo, incluída a remisión á Deputación da Coruña das cesións que se vaian realizando con posterioridade.

O proxecto realiza a mellora das condicións de accesibilidade peonil mediante a construción dunha plataforma peonil cun ancho de 2,00 m, para enlazar cos tramos existentes de senda no tramo do Concello de Oleiros. O tramo proxectado iníciase no P.Q. 1.000 e termina no P.Q. 1.840, discorrendo alternativamente por ambas as marxes. A senda realizarase con mestura bituminosa en quente, separando a zona entre beiravía e plataforma cun bordo de formigón prefabricado. O orzamento da actuación ascende a 263.070,47€.

Reunións cos veciños e a Deputación

Os veciños de Meirás veñen reclamando desde fai máis dunha década a  mellora da seguridade viaria na súa parroquia coa creación de beirarrúas. Con este fin, o alcalde reuniuse o pasado ano cos residentes na zona para informar o proxecto que supón a creación dun tramo de beirarrúa de 1,800 quilómetros na DP-5812.

Benito Portela reuniuse desde entón en varias ocasións cos residentes desta parroquia para solicitar a súa colaboración para a cesión do terreo e desde a Concellaría de Obras e Servizos remitíronse cartas a todos os propietarios das parcelas por onde discorren as beirarrúas para informarlles do proxecto. Esta colaboración veciñal permitirá axilizar a realización do proxecto por parte da Deputación Provincial.

Paralelamente, Portela e o concelleiro de Obras, Michel Tenreiro, reuníronse con técnicos da Deputación para examinar o anteproxecto realizado e comprobar os tramos para, á vez que se executa a obra, póidanse mellorar as interseccións e estudar os puntos onde se poidan colocar beirarrúas en ambas as marxes da estrada. Mesmo se está valorou a creación dunha área de aparcadoiro. A proposta contempla que as beirarrúas arrinquen no límite do municipio de Sada con Oleiros en Os Tornos e finalicen no cruzamento coa AC-183 no seu desvío en dirección a Mera.

Arquivado en