O Mesón Nordeste co petisco Xabarín con cogomelos e froitos vermellos gañador do premio do xurado do Outono de Tapas

24 / NOV / 2017

O Mesón Nordeste co petisco Xabarín con cogomelos e froitos vermellos gañador do premio do xurado do Outono de Tapas

- O Premio do Público correspondeu á “Torrada rechea de polo ao viño Mencía”, que presentou o Restaurante A Nosa Viña.

-O Concello de Sada fai un balance máis que positivo da quinta edición do Outono de Tapas, un certame no que 22 negocios hostaleiros prepararon un petisco especial para a ocasión, e que foi avaliado con 3.481 votacións.

Sada 24 novembro 2017.

Un xurado formado por Ana Salorio; cociñeira e propietaria dunha empresa de catering ademáis do blog “Una cocina con vistas”; Jose Antonio Domínguez, director da web Rutas y restaurantes; e un Técnico de Turismo, representando ao Concello de Sada, foi o encargado de otorgar o Premio do Xurado, ao Mesón Nordeste que acadou un total de 24 puntos polo seu “Xabarín con cogomelos e froitos vermellos”, que segundo os membros “supuxo unha interpretación atrevida de produtos moi ben presentados e elaborados”.

En segundo lugar, con 23 puntos, situouse a “Crema de Outono” presentada polo Boulevard Terraza, “pola tradición e risco presentados de xeito atractivo e gustoso no paladar”. En terceira posición o Rincón de Burgos con 21,3 puntos, con “Shh…”, “unha proposta diferenciada que potenciou cada elemento da receita de xeito proporcionado”. O Rincón del Abuelo con 20,3 puntos coa súa “Empanadilla de Morcilla”  acadou unha Mención especial por parte do xurado.

Pola súa banda o público votou como mellor petisco a “Torrada rechea de polo ao viño Mencía”, que presentou o Restaurante A Nosa Viña, cun total de 450 votos achegándose a un 14,7% dos votos emitidos polo público. O segundo premio correspondeu ao Rincón de Burgos por “Shhh…” contabilizando 384 e en terceiro lugar o Restaurante Ría de Sada, con 277 votos.

Respecto ao certame nas redes sociais, os clientes subiron fotos das súas tapas preferidas a través do grupo de Facebook “Eres de Tapas Si”, que acadou un impacto de máis de 12.000 visualizacións e 1.200 “Me gusta” durante os tres días do certame. Neste apartado, quen recibiu máis “me gusta” foi A Nosa Viña coa súa “Torrada rechea de polo ao viño Mencía”. Moi preto, o Rincón de Burgos con “Shhh…”, e en terceiro posto, Covadanca con “Lenda”. O premio ao cliente con máis publicacións subidas no grupo, consistente nun vale por 50€ en consumicións nun dos locais participantes, conseguíuno Isabel López.

Segundo o concelleiro de promoción económica, Liss Becerra: “A aposta pola dinamización do comercio e hostalaría de Sada e unha das claves para dar a coñecer e potenciar o destino. Este certame, no que se chegaron a servir máis de 6.500 petiscos e cun alcance nas redes sociais do concello de máis de 36.000 visualizacións, supón un repunte en plena tempada baixa de visitantes e reafirma a vontade de seguir apostando por esta clase de iniciativas”.

Arquivado en