O goberno municipal rexeita calquera manifestación homófoba e condena actuacións en contra da liberdade de dereitos individuais

31 / MAI / 2017

O goberno municipal rexeita calquera manifestación homófoba e condena actuacións en contra da liberdade de dereitos individuais

Desde o Goberno Municipal de Sada rexeitamos calquera manifestación homófoba e condenamos calquera actuación que vaia en contra da liberdade de dereitos individuais.

Hai poucos días, o 17 de maio, conmemorábase en todo o mundo o Día Internacional contra a Homofobia e a Transfobia, lembrando que en tal data de 1990 a Asemblea Xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS) eliminou definitivamente a homosexualidade da lista de enfermidades mentais.

Debemos pois renovar esforzos por parte de toda a sociedade e, como institución democrática, comprometernos co obxectivo de acabar coa secuela da homofobia, ademáis de loitar de forma decidida contra todas as formas de discriminación que aínda persisten por motivos de orientación sexual e identidade de xénero.

A dignidade, igualdade de trato e igualdade ante a lei por encima de calquera condición é un dereito fundamental e universal recoñecido pola Declaración Universal dos Dereitos Humanos. O recoñecemento da igualdade é esencial para asegurar a calidade da nosa democracia, porque non pode haber cidadáns de primeira e de segunda clase.

Desde o Goberno Municipal facemos un chamamento á cidadanía a ser activa na denuncia destas actitudes xa que, como lamentablemente comprobamos, aínda permanecen os prexuízos homófobos especialmente en comentarios públicos que atacan a dignidade das persoas LGTB.

A alcaldesa accidental:  Raquel Bolaño

Arquivado en