O goberno municipal executará as primeiras melloras na rúa Posse, pendentes desde fai un lustro

15 / MAR / 2017

O goberno municipal executará as primeiras melloras na rúa Posse, pendentes desde fai un lustro

O proxecto de reordenación ascende a 74.000 euros e inclúe a unión de rúas e a renovación das luminarias e o pavimento.

Sada, 15 marzo 2017

A concellaría de Obras e Servizos, xestionada por Miguel Tenreiro, executará con cargo ao Plan Único provincial a primeira fase da reordenación da contorna das travesías de Posse. O Executivo municipal recupera en parte un proxecto que quedou nun limbo tras retirar o Estado os fondos consignados en 2013. Os traballos foran incluídos nos Orzamentos do Estado cunha partida inicial de 170.000 euros que se reduciu a 100.000 nas contas do 2012 e finalmente foi suprimida tras non executarse os traballos durante o anterior mandato.

O proxecto que acometerá agora a concellaría de Obras e Servizos ascende a 74.116 euros e inclúe a retirada do depósito de auga en desuso, a apertura dunha rúa da segunda travesía para darlle continuidade cara ao sur con outro tramo de recente construción e a renovación do pavimento.

A retirada do depósito de auga en desuso é unha antiga demanda do barrio, que denuncia desde hai anos que ocupa unha superficie considerable que impide que se reordene un ámbito que se converteu nun foco insalubre.

O proxecto recolle tamén melloras na iluminación, coa retirada dos farois no tramo final da primeira travesía, que se repararán e repintarán e cuxos globos serán substituídos por outros que reduzan a contaminación lumínica. O plan inclúe tamén a restauración das luminarias da zona da praia e a colocación de barbacanas nos pasos de peóns e de bolardos para evitar o acceso de vehículos á praza.

Arquivado en