O goberno local aproba a mellora das instalacións e cercanías do campo de fútbol As Mariñas-Andrés Pena

01 / XUN / 2016

O goberno local aproba a mellora das instalacións e cercanías do campo de fútbol As Mariñas-Andrés Pena

- Ademais de instalar servizos básicos, como saneamento e iluminación nas proximidades, pavimentarase practicamente o 100% da rúa de acceso ao campo e do interior do recinto para o uso de xogadores e espectadores, é dicir o perímetro en torno ao propio terreo de xogo que tanto demandaron usuarios e pais dos xogadores de categorías inferiores do Rayo Sadense e do Sporting Sada.

- O goberno local ten previsto ademais adecentar as zonas verdes interiores do recinto deportivo con achegue de terra e regularización da nova superficie para facilitar os labores de mantemento do céspede. Instalar novas papeleiras no perímetro do campo. Potenciar a iluminación pública en zonas de aparcadoiro e acceso ao campo de fútbol instalando un poste con varios proxectores e realizar traballos de adecuación do edificio de vestiarios con pequenos traballos de albanelaría, fontanaría, electricidade, e pintura.

-Plano das obras a realizar

Sada, 1 xuño 2016.

O Concello de Sada aprobou onte na Xunta de Goberno a execución do  proxecto de Pavimentación, Servizos e Accesibilidade na contorna do Campo de Fútbol das Mariñas-Andrés Pena, proxecto encargado aos servizos técnicos da área de Urbanismo.

A zona, onde se realizará esta actuación, é unha parte do núcleo urbano con marcado carácter deportivo da que forman parte o campo de fútbol de As Mariñas-Andrés Pena, a piscina climatizada municipal, o pavillón deportivo, a pista de patinaxe e o parque de skate. Igualmente na área sitúanse o Instituto de Educación Secundaria Isaac Díaz Pardo, a Escola infantil municipal Flora Ramos “Florita” e os Servizos Sociais municipais, ademais de varias asociacións veciñais. A densidade de poboación é media pero existe un elevado tráfico, tanto peonil como vehicular, ao ser unha zona próxima ao centro urbano cos servizos mencionados.

As obras que se proxectan tratan de favorecer a accesibilidade dos usuarios e afeccionados dotándoas de amplas e cómodas superficies para acceder e gozar da práctica do fútbol. Do mesmo xeito que outras zonas do centro urbano de Sada, esta é unha máis que favorecerase de novos pavimentos e servizos adecuados ás necesidades da cidadanía.

O goberno local, a través das concellarías de Deportes e de Obras e Servizos, constatou desde a súa chegada ao goberno que as actuais infraestruturas do campo de fútbol e rúas de acceso requirían obras de mellora, tanto na adecuación dos seus pavimentos como na inclusión de infraestruturas de saneamento e iluminación.

A obra de adecuación que o goberno local aprobou na Xunta de Goberno de onte propón dotar ao recinto deportivo dos servizos e os pavimentos necesarios para o seu óptimo funcionamento, cumpríndose así cos desexos dos usuarios desta importante instalación deportiva situada no centro urbano de Sada que desde hai anos veñen demandando unha mellora tanto no acceso como no interior do recinto onde debido ao seu estado, principalmente na época de choivas, tiñan dificultades nos accesos ao campo de fútbol. Hai que lembrar que esta instalación deportiva é usada maioritariamente polos cativos do municipio debido a que é o campo de fútbol onde xogan como locais os equipos de categorías inferiores do Raio Sadense e do Sporting Sada xuntando en total alrededor de 200 nenos e nenas.

Os servizos que o goberno local, a través da concellaría de Deportes xestionada por Zeltia García e pola concellaría de Obras, dirixida por Miguel Tenreiro, inclúen neste proxecto son dous servizos básicos: saneamento de residuais e a iluminación pública, ambos os municipais.

Trátase, por tanto, de instalar os novos tramos de servizos baixo chan público e as correspondentes acometidas, pozos de rexistro, arquetas, etc. Así mesmo, instalaranse os sumidoiros necesarios e as conexións ao colector subterráneo existente para recoller as augas pluviais, provenientes das cubertas dos edificios existentes e das rúas a pavimentar.

Igualmente, preténdese pavimentar practicamente o 100% das rúas de acceso ao campo e do interior do recinto para o uso de espectadores, é dicir o perímetro en torno ao propio terreo de xogo.

Desta maneira desde a zona das Brañas chegarase ao campo de fútbol mediante un viario pavimentado e dentro do mesmo recinto dotarase de chan de cemento, fabricado "in situ", estendido, compactado e con índice de plasticidad do material empregado na fabricación en todo o perímetro do campo de fútbol.

O goberno local ten previsto ademais adecentar as zonas verdes interiores do recinto deportivo con achegue de terra e regularización da nova superficie para facilitar os labores de mantemento do céspede. Instalar novas papeleiras no perímetro do campo. Potenciar a iluminación pública en zonas de aparcadoiro e acceso ao campo de fútbol instalando un poste con varios proxectores e realizar traballos de adecuación do edificio de vestiarios con pequenos traballos de albanelaría, fontanaría, electricidade, e pintura.

O orzamento de Execución deste proxecto  ascende a 81.200,70€ e o seu prazo de execución desde o comezo das obras é de tres meses.

Arquivado en