O goberno local analizará coa Xunta melloras na canalización do río

08 / ABR / 2016

O goberno local analizará coa Xunta melloras na canalización do río

O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, reuniuse onte co alcalde de Sada, Benito Portela, para analizar posibles medidas que minimicen os danos provocados polo desbordamento do río Maior. Os representantes municipais e autonómicos aproveitaron o encontro para debater posibles melloras en materia de saneamento.

Sada 8 de abril 

O responsable de Augas de Galicia mostrouse disposto a analizar a mellora do segundo tramo da canalización do río, aínda que evitou fixar prazos nin subscribir ningún compromiso. "O primeiro é sentar, falar e dar as voltas necesarias ao proxecto para non cometer erros doutras épocas", sostivo. Desde o Concello insistiron en varias ocasións durante os últimos anos na necesidade de ensanchar este tramo final da canalización do río, que discorre en varias tubaxes, para evitar o efecto barreira.

"Evidentemente, no episodio da pasada semana non hai ningunha actuación ou infraestrutura que poidan ter algún tipo de influencia para deter o que sucedeu", afirmou Rodríguez, en contra doutras opinións que si achacaban o suceso á falta de dilixencia do Concello. É máis, asegurou que as canles dos ríos estaban en "perfectas condicións de limpeza" no momento en que se produciron os feitos.

Así mesmo, o director de Augas de Galicia sinalou que se xuntaron aquel día "episodios de situación atmosférica con moita choiva, cun inverno cargado de auga, ao que se sumou unha pleamar e a presión urbanística deste Concello", en alusión ás construcións que se fixeron, por exemplo, sobre a canle do río Maior.

Roberto Rodríguez, a quen o alcalde, Benito Portela, trasladoulle a necesidade de actuar con inmediatez coa realización de obras concretas, admitiu que a canalización do último tramo do río Maior podería supor unha mellora, aínda que insistiu en que nin esta nin outras actuacións poderían minimizar as inundacións do pasado mércores.

Na mesma liña que a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, o responsable de Augas de Galicia fixo un chamamento a non buscar culpables. "Ningunha actuación tería incidencia. Non habería unha solución, a única sería que Sada non estivese onde está", ironizou.

O alcalde e os técnicos municipais aproveitaron o encontro para explicarlle in situ ao responsable autonómico as obras que o Concello solicitou por escrito á Consellería para mellorar a rede de Sada. Entre outros proxectos, puxéronse sobre a mesa o tanque de tormentas e a execución dun bombeo intermedio da depuradora. A Xunta sostivo que o primeiro paso será "avaliar a rede de saneamento da vila para determinar a necesidade e idoneidade destas instalacións" e posteriormente realizar os proxectos correspondentes co orzamento correspondente.

Arquivado en