O goberno de Sada propón ao pleno declarar o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro

16 / FEB / 2017

O goberno de Sada propón ao pleno declarar o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro

-Coincidindo co 180 aniversario do nacemento da poetisa o próximo venres 24 celebrarase unha lectura pública da obra de Rosalía de Castro na Capela de San Roque de 19:30 a 21:00 horas.

Sada, 21 febreiro 2017

O vindeiro venres 24 de febreiro cúmprense 180 anos do nacemento en Santiago de Compostela da poetisa e novelista galega Rosalía de Castro, considerada como escritora indispensable no panorama literario do século XIX e que xunto a Eduardo Pondal e Curros Enríquez  representa unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento Galego, tanto pola súa achega literaria en xeral como polo feito de que Cantares Gallegos sexan entendidos como a primeira gran obra da literatura galega contemporánea. Coincidindo con esta data desde o goberno municipal propón ao Pleno declarar o 24 de febrero como Día de Rosalía de Castro tal e como presentou a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega

Na proposta de alcaldía se sinala que Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.

A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.

Por todos estes motivos a difusión do coñecemento da súa obra é necesaria para as galegas e os galegos, en especial para as xeracións máis novas que colectivamente contribuímos a coeducar, sendo a súa palabra feita poesía ou prosa reflexiva un dos procedementos máis eficaces para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural.

Diste xeito o goberno proporá ao pleno, que se celebrará o próximo xoves, declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía en Sada e emprender e apoiar a realización de actividades de promoción da obra da escritora que impliquen ao conxunto dos veciños e veciñas en Sada o 24 de febreiro, data recollida oficialmente pola Consellería de Cultura no seu Calendario do Libro e da Lectura.

Lectura Pública

Dentro dos actos do 180 aniversario o concello de Sada celebrará unha lectura pública da obra de Rosalía de Castro o próximo venres 24 de febreiro na Capela de San Roque entre as 19:30 e as 21:00 horas.

Cada veciño ou veciña poderá levar o libro de Rosalía de Castro que desexe a esta lectura pública aínda que o Concello porá a disposición dos que se acheguen pola Capela de San Roque os libros Cantares Gallegos e Follas Novas para que poidan ler ,se o desexan, un extracto destas obras.

Arquivado en