O Feirón de Sada volve este sábado á nova normalidade

25 / XUN / 2020

O Feirón de Sada volve este sábado á nova normalidade

Logo de tres meses de suspensión o Feirón de Sada volverá ao termo municipal este sábado con todos os sectores. Aos postos agroalimentarios, que xa se estaban colocando nas últimas semanas, sumánselle agora os do sector textil e de complementos aínda que con aforo limitado e novas normas de acceso á contorna da feira.

Sada, 25 xuño 2020.

A Concelleira de Promoción Económica, Laura Rodríguez, lembra que se levan semanas de traballo en coordinación coas asociacións de Feirantes para organizar esta volta á normalidade de xeito que se garantan en todo momento as medidas de seguridade, hixiénicas e sanitarias estipuladas no protocolo e guía de boas prácticas elaborado polo Ministerio de Sanidade e a Secretaría de Comercio que protexan tanto aos vendedores e vendedoras como a clientela.

O espazo da feira estará delimitado de xeito que se poida controlar a entrada e a saída de persoas así como que a afluencia de personas non supere o aforo permitido. O Concello instalará puntos de desinfección con dispensadores de xeles hidroalcohólicos e repartirá máscaras e luvas a quen o precise. Tamén se instalarán carteis informativos sobre as novas medidas hixiénico-sanitarias e reforzarase a vixiancia por parte da policia local e Servizo de Emerxencias Municipais. Desde a concellería lémbrase ademais que as prazas de aparcadoiro das rúas Bergondo, Pontedeume, Oza dos Ríos e Miño deberán estar dispoñibles o sábado 28 ás 14:30 horas.

As asociacións de vendedores ambulantes respaldan estas medidas e comprométense a velar pola súa efectividade, así como a renunciar a metros de postos para garantir as distancias de seguridade sen ter que mudar de zona a pesar de que o Concello propuxo ampliar o Feirón cara outras localizacións alternativas.

O feirón semanal de Sada, con máis de 43 anos de historia e máis dun centenar de postos, é na actualidade unha das feiras máis importantes da contorna así como un elemento de dinamización para a economía local. 

Arquivado en