O CONCELLO DE SADA REITERA DO GOBERNO DO ESTADO O EXERCICIO INMEDIATO DE ACCIÓNS XUDICIAIS PARA REVERTER O PAZO DE MEIRÁS AO PATRIMONIO PÚBLICO.

18/02/2019

O CONCELLO DE SADA REITERA  DO GOBERNO DO ESTADO O EXERCICIO INMEDIATO DE ACCIÓNS XUDICIAIS PARA REVERTER O PAZO DE MEIRÁS AO PATRIMONIO PÚBLICO.

O Alcalde de Sada insiste, ante o desinterese do  Goberno do Estado, e esixe celeridade para a presentación da demanda xudicial civil que proceda co obxectivo final da incorporación do Pazo ao Patrimonio público.

O Concello de Sada aínda non coñece o informe da avogacía do Estado que ao parecer foi solicitado polo Goberno de Pedro Sánchez.


Sada, 18 febreiro 2019

O Concello de Sada reitera, unha vez máis, ao Goberno do Estado a que se impulsen e interpoñan canto antes as accións legais, administrativas e xudiciais que procedan para incorporar ao patrimonio público a propiedade das Torres de Meirás, e a se que actúe consonte o indicado na conclusión final do Informe da comisión de expertos nomeada polo Parlamento de Galicia, tal e como se acordou no Pleno do Parlamento de Galicia o 11 de xullo de 2018.

A incorporación do Pazo de Meirás ao Patrimonio Público é unha demanda moi maioritaria na sociedade galega e nas súas forzas políticas. A propiedade aínda é hoxe un símbolo da Ditadura franquista que practicou o espolio e a represión dun xeito brutal”, indica Benito Portela.

O Alcalde de Sada, Benito Portela, como xa manifestou por escrito ao Presidente do Goberno, Pedro Sánchez, entende que non se pode agardar máis tempo poñer fin á vergoña e ao anacronismo histórico de que a familia do ditador siga detentando a propiedade do Pazo de Meirás.

O Alcalde de Sada indica que desde o goberno do Estado débeselle dar o mesmo interese político e urxencia ao Val dos Caídos e ao Pazo de Meirás. “Concordo en que hai que exhumar a Franco do Val dos Caídos, pero tamén retirar aos seus herdeiros do Pazo. Dupla retirada, por hixiene democrática e respecto á memoria histórica”, declara Benito Portela.

 

Arquivado en:
Alcaldía. Meirás. Urbanismo e emprego.

Temas:
Urbanismo. Participación cidadá.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA