MARCHA SOLIDARIA PARA VISIBILIZAR E CONCIENCIAR SOBRE O TDAH

09 / SEP / 2019

MARCHA SOLIDARIA PARA VISIBILIZAR E CONCIENCIAR SOBRE O TDAH

A concellería de Educación e Deporte colabora coa Fundación Ingada na V Edición do "Camino de la Diversidad" que terá lugar o sábado 12 de outubro.

Dentro das accións de colaboración da concellería de Educación e Deportes con distintas asociacións e organismos e como paso previo ao convenio de colaboración coa Fundación Ingada o departamento municipal colabora coa celebración do "Camino de la Diversidad", unha marcha solidaria para visibilizar e concienciar á poboación sobre o TDAH e os trastornos asociados, así como da diversidade funcional en xeral.

Todos os anos desde o 2015 realizan desde Fundación INGADA o "Camino a la Diversidad". Esta marcha consiste na realización conxunta dunha das etapas do Camiño de Santiago, variando a mesma nas diferentes edicións. Para garantir a accesibilidade (dentro das limitacións existentes) realízase previamente a actividade piloto polos membros e voluntarios organizadores da actividade.

A actividade ten unha duración aproximada de 6 horas en función da etapa a realizar, os descansos programados, etc, e realízase ao longo de todo o día. Desta forma, os participantes pasan todo o día en convivencia, facilitando as relacións entre os beneficiarios da fundación, os voluntarios, os profesionais, e establecendo vínculos ao longo da xornada (nos descansos, durante a comida, nos desprazamentos ao momento de partida e de regreso).

Durante a actividade, os participantes levan posta a camiseta da entidade, para conseguir así crear unha marea de cor que axude á visibilización. Para facilitar o acceso á actividade, a fundación pon a disposición dos participantes autobuses con diferentes puntos de partida (A Coruña, Ferrol, Vigo, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela), tanto de ida ao comezo da actividade como de regreso aos lugares de orixe.

Este ano realizarase novamente a ruta portuguesa, establecendo o punto de saída na Escravitude (Concello de Padrón) e con chegada na Praza do Obradoiro onde realizaremos unha serie de actividades.

 

Máis información e inscricións na web da Fundación Ingada 

Arquivado en