III MARATÓN ORNITOLÓXICA NA RESERVA DE BIOSFERA "MARIÑAS CORUÑESAS E TERRAS DO MANDEO"

25 / MAI / 2016

III MARATÓN ORNITOLÓXICA NA RESERVA DE BIOSFERA "MARIÑAS CORUÑESAS E TERRAS DO MANDEO"

Actividade lúdica que consiste en identificar por equipos o maior número posible de especies de aves silvestres dentro dos municipios da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e A Coruña, nun tempo determinado. O obxectivo é achegar a ornitoloxía ao público en xeral, fornecendo o coñecemento das aves, aprendendo a respectalas e a gozar da súa presenza, así como poñer en valor os atractivos naturais desta Reserva de Biosfera.

- Acceso ao formulario de inscrición

- Descarga o listado de aves

INFORMACIÓN BÁSICA

- Data: sábado 28 de maio de 2016.

- Horario: o período de observación de aves estenderase de 00:00 a 17:00 h, tendo que estar ás 18:00 h na carpa que será instalada a carón do edificio A Terraza, con motivo dos actos de celebración do III aniversario da declaración da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo pola UNESCO, para o reconto de puntos e entrega de premios ás 19:00 h.

- Lugar: concellos da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e A Coruña.

BASES REGULADORAS (DECÁLOGO DA MARATÓN)

Os interesados poderán inscribirse ben de xeito individual, ben en equipos xa formados por estes (debendo escoller un nome para o equipo neste caso). Así todo, o feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade. A organización será a encargada de confirmar vía correo electrónico aos admitidos finalmente na xornada. Non se admitirán participantes que non teñan feito a inscrición nos termos e prazos indicados.

Calquera dúbida sobre a inscrición nesta actividade poderá resolvela nos seguintes contacto do G.N.Hábitat: 981 135 014 / inscricion@gnhabitat.org

Só se permitirá ver aves dende o concello escollido. Así todo, contabilizaranse aquelas aves que estean pousadas ou sobrevoando outro concello se o avistamento se realiza dende o municipio outorgado. Serán válidos os avistamentos mar afora, sen límite de distancia.

Cada equipo deberá levar unha copia impresa do listado, cumprimentándoa debidamente na actividade. Rematada a maratón, o listado será entregado á organización para o reconto de puntos.

Os participantes deberán ser en todo momento respectuosos coa contorna natural, sen molestar á fauna nin prexudicar á flora no desenvolvemento da xornada.

Ao finalizar a maratón contabilizaranse tódalas especies detectadas, que puntuarán do seguinte xeito:

- 3 puntos por cada especie vista só por un dos equipos participantes.

- 2 puntos por cada especie vista só por dous dos equipos participantes.

- 1 punto por cada especie vista por tres ou máis equipos.

Só se considerarán para puntuación aquelas especies que figuren no listado proporcionado pola organización, se ben é aconsellable anotar calquera outra especie ou subespecie detectada no campo, que serán tidas en conta no caso de empate de puntos. Estas anotacións faranse igualmente no listado proporcionado, no apartado de “Outras observacións de interese” reflectido na última folla do mesmo.

Considérase imprescindible a puntualidade na chegada, xa que un retraso, incluso duns poucos minutos, poderá supoñer a descualificación do equipo.

No caso de empate no número de puntos, valorarase a cantidade de especies vistas exclusivamente por cada equipo afectado para resolver o empate.

Todo inscrito deberá estar informado das modificacións que se puidera producir no evento, debendo consultar acotío a web do G.N.Hábitat: www.gnhabitat.org, na que se virán publicando os cambios pertinentes, de ser o caso.

A organización resérvase a posibilidade de facer tantos cambios ou modificacións como sexan pertinentes en función das necesidades do evento.

Calquera dúbida ou cuestión que aconteza e non estea recollida nas mesmas será aclarada pola Organización.

Arquivado en