Emalcsa presenta resultados preliminares das inundacións de marzo

21/10/2016

Emalcsa presenta resultados preliminares das inundacións de marzo

O Concello de Sada e Emalcsa mantiveron onte a primeira reunión no marco do acordo de colaboración firmado hai unhas semanas, segundo o cal a empresa coruñesa asesorará ao consistorio sadense en materia de xestión da auga urbana.

 


Sada 20 outubro 2016

Nesta xuntanza representantes do Grupo de Enxeñería da Auga e Medio Ambiente (Gema) da Universidade da Coruña presentaron os resultados preliminares da modelización das Brañas e o Río Maior aos técnicos do concello e ao alcalde de Sada, Benito Portela.

A reunión foi moi fructífera e os participantes fixeron interesantes aportacións que servirán para facer un informe final que explique de xeito científico as causas das inundacións do pasado mes de marzo e as solucións para evitar que non volvan a suceder.

O alcalde de Sada, Benito Portela, amosara na firma do convenio de colaboración co Concello da Coruña, Emalcsa e a Universidade o seu agradecemento incidindo nun tema que nos últimos días está moi presente, "esta actuación, sinalou o alcalde, denota, unha vez máis, a vontade metropolitana que ten o goberno de A Coruña de colaborar cos concellos de toda a área, e demostra o importante que é poñer o coñecemento ao servizo da xente, como podemos ver neste proxecto, que tamén conta co apoio da universidade. É un exemplo a seguir por outros concellos”.

O alcalde de Sada, Benito Portela, e o rexedor da Coruña, Xulio Ferreiro, firmaron o pasado mes de setembro o convenio de colaboración mediante o cal Emalcsa asesorará ao concello de Sada sobre as actuacións do sistema de auga municipal máis adecuadas para o futuro, en termos de eficiencia e sostibilidade.

Este acordo vai acompañado dunha primeira acción, pola cal, Emalcsa, co apoio de Geama (Grupo Especializado en Enxeñería da Auga da UDC), está a desenvolver, en colaboración cos servizos tecnicos do Concello de Sada, unha modelización e análise da zona das Brañas de Sada, así como da desembocadura do Río Maior, co propósito de determinar as circunstancias, motivos e solucións ás inundacións acaecidas no mes de marzo do presente ano na vila coruñesa e que na reunión de onte presentaron os resultados preliminares.

Desde Geama (Grupo Especializado en Enxeñería da Auga da UDC) están a rematar o estudo de causas e solucións que presentará tanto ao Concello de Sada coma nunha reunión coa cidadanía achegando as solucións adecuadas para que non se volvan a producir inundacións como as pasadas.

Na actualidade, Emalcsa, no camiño por afianzar as súas políticas de I+D+i, levou a cabo numerosas actividades conxuntas coa Universidade da Coruña (UDC). Neste marco, ambas entidades acaban de presentarse á convocatoria autonómica das UMI´s (Unidades Mixtas de Investigación), co proxecto Plataforma Dusa (Desenvolvemento Urbano Sensible ao Auga), cun orzamento de 2 millóns de euros. Este proxecto permitiría analizar a situación dos modelos de xestión e as tecnoloxías implantadas na comunidade galega, de cara a desenvolver, sobre unha plataforma de xestión, modelos sostibles de xestión e gobernanza da auga.

 

Arquivado en:
Alcaldía. Novas. Facenda, participación cidadá, transparencia, normalización lingüística e seguridade cidadá. Administración local, obras e servizos. Urbanismo e emprego.

Temas:
Urbanismo. Medio ambente. Participación cidadá.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA