Elaboración do III Plan de Igualdade do Concello de Sada 2020-2024

04 / FEB / 2020

Elaboración do III Plan de Igualdade do Concello de Sada 2020-2024

A concellería de Benestar e Igualdade publica o III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 

Avaliación II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 

III Plan de Igualdade Concello de Sada

Imprescindible para emprender a elaboración do III Plan de Igualdade do Concello de Sada é aprender da experiencia. Esta é a idea que sustenta esta avaliación; recoller todo o desenvolvido ao longo destes catro anos, para que sirva de base para mellorar no futuro.

O compromiso do Concello de Sada coa Igualdade de xénero arrinca en 2006 co I Plan de Igualdade de Oportunidades que supuxo un primeiro paso necesario para a introdución da perspectiva de xénero nas políticas municipais. Posteriormente, no II Plan de Igualdade do 2014, avanzouse notablemente en concretar estas políticas, a través de 8 eixes, 9 obxectivos estratéxicos, 29 obxectivos operativos e 74 accións.

Para elaborar esta avaliación contouse coas diferentes áreas municipais e tomouse como referencia a avaliación do primeiro Plan de Igualdade. Para darlle forma consultáronse diversas guías estatais e locais co fin de unificar criterios. Esta avaliación detalla paso por paso o grao de cumprimento do plan, as dificultades atopadas, indicacións para o futuro e en resumo, todas as cuestións que poden axudar a mellorar futuras políticas.

O obxectivo é dobre, por unha banda avaliar o traballo realizado a favor da igualdade para comezar cun novo plan aproveitando a experiencia pasada e tentando evitar os erros e reforzar os acertos, e por outra parte compartir co persoal deste Concello e coa cidadanía esta experiencia, tendo en conta a responsabilidade que todos temos na loita pola igualdade.

Nos resultados desta avaliación fálase sempre de obxectivos e accións abordados ou pendentes xa que sería moi pretencioso concluír que se logrou introducir a perspectiva de xénero en todas as accións que desenvolve o Concello ou que a educación en igualdade calou en absolutamente todo o alumnado, por exemplo. Son metas a conseguir para as que queda moito camiño por percorrer, pero si que podemos sinalar que polo menos se abordou ese obxectivo mediante unha acción determinada.

O desenvolvemento de novas ou ampliadas competencias reservadas ás Entidades Locais no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero envolve esta avaliación que tamén atopa sustento no artigo 4.2 do Estatuto de autonomía de Galicia que establece que lle corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e as galegas na vida política, económica, cultural e social.

No marco estatal, a Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e no marco galego o Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, introducen a previsión de políticas activas para facer efectivo este principio de igualdade. A violencia de xénero supón a representación máis extrema da desigualdade entre mulleres e homes.

No ámbito estatal, aprobouse a Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no ámbito autonómico, a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Arquivado en