Cultura presenta á Curuxa Catuxa, a nova mascota da Biblioteca Municipal Suárez Picallo

31 / MAR / 2017

Cultura presenta á Curuxa Catuxa, a nova mascota da Biblioteca Municipal Suárez Picallo

-A concellería de Cultura, xestionada pola socialista María Pardo, programa este fin de semana contacontos e concertos didácticos, así como una exposición nos primeiros quince días do mes de abril, para conmemorar o Día do Libro Infantil.

- “Coas actividades que programamos, sinala María Pardo, queremos impulsar a lectura desde unha idade temperá e que se converta nun hábito dos máis pequenos”.

Sada, 31 marzo 2017.

Dentro dos eventos da área de Cultura, que está a realizar a socialista María Pardo, este fin de semana prográmanse diversas actividades para conmemorar o Día do Libro Infantil.

Por unha banda o auditorio da Casa da Cultura Pintor Lloréns acollerá un concerto didáctico infantil a cargo da Banda de Música Municipal de Sada o sábado 1 de abril en dous pases. O primeiro terá lugar ás 12:30 horas e o segundo ás 20:00 horas.

O concerto didáctico está orientado a aprender a escoitar así como gozar da música. A Banda de Música Municipal busca ademais achegarse ao público máis novo para fomentar o amor pola música.

A concelleira María Pardo anima aos pais e nais dos nenos de Sada para que se acheguen á Casa da Cultura a gozar do concerto didáctico da mañá do sábado e sinala que durante os últimos días “os alumnos e alumnas de primaria dos colexios do municipio viñeron traballando cun documento que se realizou desde a Concellería para potenciar o sentido didáctico do concerto da Banda de Música”.

Unha das novidades que presenta a Concellería, coincidindo co Día do Libro Infantil, é a nova mascota da Biblioteca Municipal, a “Curuxa Catuxa”.

“Curuxa Catuxa, indica Pardo, sairá do seu bosque dúas veces ó mes para o deleite dos máis pequenos” sendo a súa primeira aparición o domingo 2 de abril ás 18:30 horas na Biblioteca. “Catuxa, sinala a concelleira, está impaciente por coñecer ós cativos e cativas de Sada”. 

A aparición da Curuxa Catuxa está enmarcada nunha sesión de contacontos que se realizarán cada quince días na Biblioteca Municipal ata o mes de xuño. “Os contos da Curuxa Catuxa están abertos a un público infantil e familiar e terán lugar na biblioteca dúas veces cada mes”, sinala a concelleira. As próximas sesión serán o 21 de abril, o 5 e 19 de maio e o 9 e 30 de xuño.

Para pechar as actividades do Día do Libro Infantil prográmase unha exposición na Casa da Cultura desde o 1 ao 15 de abril titulada “Personaxes dos libros visitan a túa biblioteca”.

Esta exposición realízase dentro do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. 

“Coas actividades que programamos, sinala María Pardo, queremos achegar a lectura ós máis pequenos e que a coñezan dun xeito divertido e desenfadado”

Arquivado en