Cultura aumenta un 100% as partidas destinadas á Biblioteca e creará unha escola municipal de Danza.

22/01/2016

Cultura aumenta un 100% as partidas destinadas á Biblioteca e creará unha escola municipal de Danza.

A concellaría xestionada polos socialista Marcos Villar contempla ademais un aumento do 65% na partida destinada ao acondicionamento das praias do municipio.

A Banda de Música contará con partida orzamentaria independente cunha dotación de 3.000€ para o desenvolvemento de actividades.

O capítulo de adquisición de fondos bibliográficos aumenta un 100% ao pasar de 4.500€ a 9.000€, destinando parte do aumento á adquisición de libros en galego.

 


Sada 22 xaneiro 2016.

Os orzamentos do Concello de Sada do ano 2016 contemplan un aumento considerable en varias partidas relativas á concellaría de Cultura e Praias, xestionada polos socialista Marcos Villar.

Destaca na área de Praias o aumento dun 65% na partida destinada ao acondicionamento das praias do municipio. Neste capítulo Villar destaca que se pasa de 6.000€ a 10.000€ de orzamento e que terá continuidade nos seguintes anos “para renovar pouco a pouco o material que quedou obsoleto e dotar de novas pasarelas para acceso minusválidos, duchas ou casetas de socorrismo sen prexuízo de que se soliciten subvencións a entes supramunicipais para determinado material”.

Na área de Cultura, a concellaría duplicará por unha banda a partida de adquisición de fondos bibliográficos, destinando unha parte do aumento á compra de literatura en lingua galega. Ademais, indica Marcos Villar, duplícase tamén a partida destinada ás actividades propostas pola Biblioteca Municipal como campamentos de idiomas, iniciativas de apoio á lectura ou actividades de celebración de días sinalados (Día do Libro, Letras Galegas…) pasando dos 4.500€ actuais aos 9.000€.

Outras das dotacións que aumentará será a destinada a contratación de persoal auxiliar que reforce a Biblioteca Municipal Suárez Picallo en épocas de maior carga de traballo e período estival.

Unha das novidades do orzamento de Cultura deste ano é a dotación dunha partida propia para a Banda de Música Municipal. Villar sinala que se potenciará con esta iniciativa “o desenvolvemento de actividades da formación musical comezando o próximo 19 de marzo cun concerto didáctico para os escolares do municipio”. A cantidade destinada á Banda de Música ascende a 3.000€ que se verán complementados con outra partida de 1.000€ para o arranxo de instrumentos.

Cultura manterá invariable a oferta de lecer para a programación de Festas Patronais, Festa Modernista, Festas da Carmen, San Juan, Entroidos, Magosto e Nadal buscando ademais unha maior participación cidadá nas distintas festas que se realicen e potenciando iniciativas achegadas por asociacións locais e colectivos organizadores de novas expresións artísticas e de lecer.

En canto ao mantemento dos edificios municipais o departamento de Cultura aumentará sensiblemente este capítulo, en especial para o mantemento da Capela de San Roque.

Finalmente desde a concellaría créase unha partida orzamentaria para a futura creación ao longo do ano 2016 dunha escola municipal de Danza. Dotada con 5.000€ a nova escola municipal virá completar a oferta formativa que actualmente está centrada na música e o teatro.

Arquivado en:
Novas. Cultura.

Temas:
Cultura.

Perfís:
Veciños.

AXENDA