CHOCOLASADA 2017

05 / DEC / 2017

CHOCOLASADA 2017

CARTA CONCELLEIRA DE CULTURA E PRAIAS - MARÍA PARDO

A Concellería de Cultura e Praias, a través da Biblioteca Pública Municipal, quere traer a maxia, a luz e a ledicia a Sada este Nadal. Un ano máis ChocolaSada recolle todos estes elementos reeditando a súa aposta por un xeito novo de entender a literatura, o teatro e a animación, sempre dentro dun entorno urbano e coa finalidade de ilusionar a toda a Familia.

ChocolaSada é unha iniciativa de toda a comunidade, onde cada parte que a integra adquire relevancia e lle da sentido ano tras ano, aportando as súas variacións e innovacións.

Nesta edición queremos dar especial importancia á unión entre as distintas culturas e nacionalidades: todos somos iguais e, aínda que en cada pobo vívese o Nadal dun xeito diferente, a maxia destas datas únenos.

Este ano, a partires do día 11 de decembro e ata o día 23 teremos a “Casiña de Papá Noel” no parque das Brañas. Abrirá as súas portas entre as 17:00 e as 19:30 horas cada día para que tódolas nenas e nenos de Sada poidan ir a visitar aos axudantes de Papá Noel, que os atenderán con moita ilusión.

O día 24 de decembro nenos e maiores, coa axuda de personaxes como fadas, trasgos, e Papá Noel, realizarán unha actividade para unir metaforicamente ás distintas culturas neste Nadal.

A primeira parte de ChocolaSada será a actuación de Coros Infantís dos colexios. Cada un dos Coros interpretará unha panxoliña. Precisamente para isto solicitamos a vosa axuda, para que propiciedes a participación das vosas fillas e fillos nos coros que se están a organizar nos Centros de Ensino. Se preferides, podedes unirvos ao coro que se xestiona dende a Biblioteca Municipal. Este último ensaiará o xoves 21, de 18h a 19h, e o venres 22, de 11h a 12h na Casa da Cultura. Agardo que sexa do voso agrado e que xuntemos esforzos para facer crecer “ChocolaSada”.

Para ampliar información e salvar as dúbidas que poidan xurdir está á vosa disposición o teléfono de contacto da Biblioteca Pública Municipal, o 981 61 91 15.

Arquivado en