Benito Portela insiste nas administracións para que se compense aos afectados e Sada non volva sufrir inundacións

06 / ABR / 2016

Benito Portela insiste nas administracións para que se compense aos afectados e Sada non volva sufrir inundacións

- O alcalde de Sada, Benito Portela, reuniuse esta mañá con asesores e técnicos na Delegación de Goberno de cara a demandar todas as axudas que dentro do marco lexistlativo poidan solicitarse á vista do sucedido en Sada.

-O goberno local remitiu a Augas de Galicia a certificación do acordo adoptado polo Pleno da Corporación onde se solicita colaboración para a execución de infraestruturas hidráulicas de urxente necesidade.

-Portela reunirase o xoves co director xeral de Augas de Galicia para demandar as obras necesarias para que Sada non volva sufrir ríadas como a da pasada semana.

Sada 6 abril 2016

Desde o pasado mércores 30 de marzo, día da riada que alagou numerosas vivendas, garaxes e locais comerciais do centro urbano de Sada, o alcalde Benito Portela mantivo conversacións con cada unha das administracións e organismos implicados para, por unha banda, incidir e acelerar na declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil e, por outra, lograr a colaboración necesaria de Augas de Galicia no desenvolvemento de actuacións urxentes para que non se volvan a producir unha catástrofe semellante.

Reunións na zona afectada.

O mesmo día das inundacións Portela reuníase na zona afectada pola riada co Delegado Territorial da Xunta de Galicia, Diego calvo, a quen nun primeiro momento agradeceu a disposición da Xunta de Galicia pero a quen tamén transmitiu a necesidade urxente e histórica de realizar actuacións ao redor da desembocadura do Río Maior para evitar este tipo de sucesos.

Ao día seguinte, o alcalde de Sada percorría xunto ao presidente da Deputación Provincial, Valentín González Formoso, a zona afectada comprobando os danos que se produciron en vivendas, baixos comerciais e garaxes, e incidía Portela na necesidade de buscar unha solución ante o problema de canalizacións que ten Sada que non foi capaz de absorber a cantidade de auga que caeu en días pasados e acabou desbordando o río ao seu paso a zona das Brañas. González Formoso declarou que a Deputación dá Coruña "vai estar economicamente tentando cubrir as necesidades dentro das súas posibilidades" e adiantou que traballará na prevención de futuros danos nas infraestruturas. Valentín Formoso avanzou que Sada conta “co respaldo da Deputación ante esta situación excepcional”.

Ese mesmo día, e tamén na zona máis afectada, Portela reuníase co director xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia, Luís Menor, quen validó os labores levados a cabo a Sada ante as inundacións e tamén considerou que existen motivos para realizar a solicitude de zona catastrófica que levaría aparellada, de concederse, axudas estatais. Conversacións con administracións buscando solucións.

Ademais de reunirse na zona afectada con representantes da Xunta de Galicia e da Deputación o alcalde de Sada mantivo conversacións desde o pasado xoves co Director Territorial e o Director de Operacións Estatal, ambos os do Consorcio de Seguros, para acelerar o peritaje dos inmobles afectados e atender ás familias coas pólizas de seguros. Froito destas conversacións foi o aumento de peritos en Sada desde o pasado luns, aumentando o consorcio o seu número a cinco.

Nos últimos días o alcalde demandou á Xunta de Galicia a través da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do territorio, Beatriz Mato, a dotación de partidas orzamentarias para a execución con carácter prioritario de diversas actuacións. Concretamente, o alcalde de Sada solicitou á conselleira a mellora do cauce no casco urbano, actualmente canalizado cun marco no seu primeiro tramo e mediante tuberías de escasa sección no seu segundo tramo; a instalación de comportas na desembocadura do Río Maior para impedir a entrada de auga de mar nas lagoas das Brañas en días previos aos de risco por precipitacións intensas ou persistentes; a realización dun tanque de tormentas en Sada ou regulación do caudal de augas residuais da rede de saneamento, sendo a súa construcción soterrada e ocupando terreos do sistema xeral viario e do paseo marítimo; a construcción dun tanque de tormentas nas Brañas, sendo tamén a dita construcción soterrada e igualmente a construcción dun novo “bombeo intermedio” da EDAR de Sada.

Estas peticións, aprobadas por unanimidade no pleno do pasado xoves e que o alcalde comunicou á conselleira Beatriz Mato, tamén foron trasladadas ao Presidente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosquera, e ao director xeral de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez.

Zona de emerxencia de protección civil

Nas últimas horas o Concello deu traslado aos distintos organismos da solicitude de declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil. En distintas conversacións telefónicas co subdelegado do goberno, Jorge Atán, o alcalde de Sada trasladoulle a necesidade da urxencia na tramitación e a necesidade de tramitar todas as axudas que a lexislación prevee nestes casos á vista dos danos que causou a riada en numerosas vivendas e locais comerciais.

Esa mesma petición remitiuse ao Delegado de Goberno en Galicia e a Vicepresidencia e Consellería de presidencia, Adminsitracións Públicas e Xustiza. Froito destas conversacións o alcalde trasladouse esta mañá á Delegación de Goberno para reuniuse con asesores e técnicos do organismo de cara a demandar todas as axudas que dentro do marco lexistlativo poidan solicitarse para Sada.

Ademáis o vindeiro xoves o alcalde manterá unha reunión co director xeral de Augas de Galicia para incidir na necesidade de executar as obras demandadas na moción que o goberno local presentou ao pleno da corporación.

Arquivado en