BANDO MUNICIPAL QUE REGULA AS LUMARADAS NA NOITE DE SAN XOÁN

07 / XUN / 2019

BANDO MUNICIPAL QUE REGULA AS LUMARADAS NA NOITE DE SAN XOÁN

O alcalde do Concello de Sada ven de publicar un Bando Municipal coas regulacións para a noite noite de San Xoan.

BANDO REGULACIÓNS LUMARADAS SAN XOAN

Descarga o impreso da comunicación previa (Non necesario para lumaradas na Praia das Delicias de Sada)

Condicións para a realización das lumaradas na noite de San Xoán

Na noite do 23 de xuño autorízase a realizar lumaradas en espazos de titularidade pública. Para isto, será preciso que as persoas interesadas presenten unha comunicación previa por escrito ao Concello de Sada antes do día 21 de xuño ás 14:00 horas. Non será necesaria dita comunicación previa no caso de realizar lumaradas na Praia das Delicias.

O Concello de Sada dispón na páxina web dun modelo indicativo de comunicación previa 

Horarios para as lumaradas na Praia das Delicias

O horario para deixar o material para a realización das lumaradas  da Praia das Delicias será a partir das 19:00 horas do día 23 de xuño, na busca de compatibilizar o uso habitual do areal coa celebración da festa de San Xoán.

A Praia das Delicias deberá quedar libre ás 06:00 horas do día 24 de xuño para que a concesionaria responsable do servizo de limpeza poida levar a acabo as actuacións necesarias para habilitar a Praia para o seu uso común. Ante calquera urxencia que poida xurdir, os servizos de seguridade e emerxencias poden ordenar a evacuación obrigatoria antes desa hora, baseándose en criterios de seguridade  persoal e protección ambiental.

Prohíbese o baño nas praias do termo municipal desde as 22.00 horas do 23 de xuño ata as 8:00 horas do 24 de xuño.

Por un San Xoán máis sostible

Non está permitido o uso de combustibles líquidos nin de acelerantes nas lumaradas. Así mesmo está prohibido a queima e o acceso á praia de cauchos, rodas, colchóns, madeira lacada, gomaespuma, e outros obxectos que poidan producir gases tóxicos no entorno así como mobles, sofás, obxectos voluminosos e madeiras que leven puntas ou cravos como palés ou caixas. Asemade non está permitido a queima de calquera tipo de plásticos. Desde o Concello de Sada faise unha chamada á responsabilidade e ao respecto ao medioambiente. Debemos desfrutar da noite de San Xoán na praia pero tamén debe quedar o areal libre de calquera obxecto contaminante ou perigoso para a saúde unha vez rematada a festa.

Neste sentido o Concello de Sada habilitará varias zonas ao longo da Praia das Delicias onde se dispensará gratuitamente a madeira necesaria para facer as lumaradas. As persoas interesadas poderán retirar esta madeira a partir das 19:00h exclusivamente para a organización de  fogueiras na Praia das Delicias. Non será necesario realizar unha solicitude previa. Pregamos que cada colectivo retire unha cantidade razoable que permita compartir a madeira co maior número de fogueiras posible.

As fogueiras non poderán ter unha altura superior á que determinen os servizos de seguridade e de emerxencias municipais e que estará en función da súa localización, da distancia ao arboredo ou edificios e da seguridade que estimen desde os servizos de emerxencia municipal. Queda terminantemente prohibido prender fogueiras na zona de mesas e arboredo do Curruncho.

Non está permitido a solta de globos de papel, faroliños chinos, voadores ou similares cuxo medio de ascensión sexa con lume. Asemade non está permitido acceder ao areal das praias do termo municipal con vidro. Os residuos depositaranse nas zonas de recollida habilitadas para tal fin nos accesos ás praias. Queda totalmente prohibido trasladar material para as fogueiras en contedores de lixo.

O Concello de Sada fai un chamamento para a celebración dunha noite máxica, chea de ledicia, respecto, tolerancia e boa convivencia polo que agradece a alerta aos corpos de seguridade ante calquera manifestación que vulnere a liberdade ou o gozo da persoas atendendo especialmente as violencias machistas, LGTBQI fobias, racistas ou xenófobas.

Sada, 7 de xuño 2019.

O alcalde:

Óscar Benito Portela Fernández

Arquivado en