AXUDAS Á ESCOLARIZACIÓN PARA O CURSO 2020-2021

11/11/2020

AXUDAS Á ESCOLARIZACIÓN PARA O CURSO 2020-2021

A presente convocatoria ten por obxecto a concesión de axudas económicas ás familias para atenderen os gastos orixinados polo comezo do curso escolar do alumnado, entendendo por tales gastos a adquisición de libros, material didáctico complementario, vestiario e outros gastos directamente relacionados. Para o financiamento deste programa de axudas existe crédito por importe de 12.000 € na partida 326.48013 do Orzamento Xeral do Concello para o ano 2020.

O prazo para presentar as solicitudes remata o 2 de decembro.


Convocatoria Axudas á Escolarización 2020-2021

Modelo de solicitude

Declaración de Axudas

11/11/2020 - Extracto Convocatoria Axudas Escolarización

 

Poderán optar a estas axudas as familias que cumpriren os seguintes requisitos:

1. Estar o/a estudante empadroado/a no Concello de Sada.

2. Cursar algúns dos estudos subvencionables segundo o apartado dous das presentes bases en calquera centro docente público.

3. Pertencer a unha unidade familiar que non supere os ingresos anuais (a efectos destas bases teñen a consideración de ingresos a suma da base impoñible xeral máis a base impoñible do aforro, do Imposto da Renda da Persoas Físicas de 2019), segundo o seguinte baremo:

A partir do oitavo membro, engadiranse 2.868,00 € por cada novo membro computable. Considerarase a estes efectos unidade familiar os/as pais/nais ou titores/as e os fillos e fillas menores de 18 anos ou fillos/as maiores de dezaoito anos cunha minusvalía superior ao 33 %. No caso de familias monoparentais, e para o cálculo da renda anual, incrementarase en 1 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.

No caso de divorcio, separación legal ou de feito dos proxenitores, non se considerará membro computable aquel deles que non convivir co/coa solicitante de axudas, sen prexuízo de que na renda familiar se inclúa a súa contribución económica.

4. En función da natureza da subvención, aplícase a excepción prevista no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación cos requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria.

5. Para os efectos de dar traslado á axencia tributaria das axudas concedidas tomarase como beneficiario/a o/a representante legal do/da menor co seu correspondente número de identificación.

As axudas distribuiranse da seguinte forma:

Para estudos de educación infantil de calquera ciclo: un máximo de 35 € cada unha.

Para os estudos de educación primaria: 45 € cada unha.

Para os estudos de FP Básico: 50 € cada unha.

Para os estudos de educación secundaria: 55 € cada unha (ESO e ESA).

Para aquelas familias que acrediten estar percibindo a RISGA ou PNC a axuda incrementarase, na categoría que corresponder, en 30 € cada unha, sempre e cando cumpran os demais requisitos da presente convocatoria.

No caso de unidades familiares que teñan aberto expediente no Departamento municipal de Servizos Sociais e que non reúnan os requisitos para solicitaren as axudas, queda aberta a posibilidade da súa concesión segundo a valoración das profesionais do Departamento municipal de Servizos Sociais para aqueles casos que por razón de necesidade, precariedade ou urxencia se encontren nunha situación de risco e/ou desprotección, sendo necesario nestes casos un informe da traballadora social ou educadora familiar do Concello, co visto e prace da concelleira de Educación, e o compromiso de cumprimento por parte dos/as usuarios/as dos obxectivos fixados na intervención socio-familiar realizada pola profesional correspondente (traballadora social ou educadora familiar).

Tendo en conta os máximos subvencionables arriba expostos, a contía da subvención nunca será superior ao gasto xustificado.

Toda a información está dispoñible na publicación da Convocatoria de Axudas á Escolarización 2020-2021 

Arquivado en:
Novas. Avisos. Educación e Deporte.

Temas:
Subvencións e Axudas. Formación.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA