Aprobada a modificación do proxecto de saneamento entre Carnoedo e Mondego

28 / ABR / 2016

Aprobada a modificación do proxecto de saneamento entre Carnoedo e Mondego

- A modificación non é substancial posto que as partidas que se inclúen son propias deste tipo de obras de instalación de servizos e a obra reformada tampouco cambia a finalidade por ser idéntica á orixinal e ser o seu obxectivo a dotación do servizo de saneamento.

Sada, 27 de abril

Sada leva para a súa aprobación no pleno ordinario de hoxe unha modificación do proxecto de saneamento no camiño entre Lamela (Carnoedo) e Lácere (Mondego).

A modificación non é substancial posto que as partidas que se inclúen son propias deste tipo de obras de instalación de servizos e a obra reformada tampouco cambia a finalidade por ser idéntica á orixinal e ser o seu obxectivo a dotación do servizo de saneamento e facer as reposicións correspondentes no tramo descrito.

Dita actuación levará a cabo entre os lugares da Lamela e Lácere, parroquias de Carnoedo e Mondego respectivamente, e circula a través dun viario público cuxa titularidade é da Deputación Provincial da Coruña. 

As instalacións de saneamento de augas residuais desta zona residencial e rural, preténdense ampliar e así dotar dos devanditos servizos a mais veciños dos lugares por onde discorre a obra de canalización.

A actuación pode considerarse unha fase máis que dota dos servizos indicados a este núcleo rural de gran importancia pola súa constante expansión e que na actualidade obtén auga da rede municipal instalada fai uns 18 anos, ou ben de pozos de barrena e verte as augas residuais a fosas sépticas, co consecuente risco para a saúde pública pola contaminación do terreo onde verten os lixiviados que sobordan destas fosas.

Mediante a instalación de tubaxes estancas de plástico reforzado facilítase que as augas residuais circulen por gravidade até un pozo de captación e bombeo, que tamén é necesario construír, e que impulsa as augas recollidas ao colector existente no cruzamento da Lamela.

A obra amplía a rede de saneamento nesta zona límite entre as parroquias de Carnoedo e Mondego a través deste viario provincial. As vivendas que se constrúan, outras situadas na prolongación do viario e en camiños adxacentes, nun futuro, verterán as súas augas residuais a este colector por gravidade, polo que a instalación deseñouse e calculado tendo en conta o crecemento demográfico da zona.

O tramo de saneamento e o bombeo proxectados amplía este servizo de recollida de augas fecais, nos lugares de Lamela e Lácere, nunha lonxitude total de 393 metros.

O orzamento desta actuación ascende a 79.784,85 euros e dadas as características e o volume das obras proxectadas considérase un prazo de execución a partir da súa adxudicación de tres meses.

Arquivado en