A praia de As Delicias calificada de excelente pola Xunta de Galicia

23 / NOV / 2017

 A praia de As Delicias calificada de excelente pola Xunta de Galicia

A Consellería de Sanidade modifica a clasificación que tiña ata o momneto e outorga un "excelente" ao areal urbano polas obras de mellora da rede e os bos resultados obtidos durante o último verán.

Sada, 23 novembro 2017

A Consellería de Sanidade estimou a alegación do Concello de Sada e retirou a clasificación de insuficiente ás augas da praia de Sada. A Xunta publicou onte unha nova listaxe para os anos 2017 e 2018 que puntúa cun "excelente" este areal, que encadeaba suspensos desde fai cinco anos e que corría risco de ser eliminado definitivamente da listaxe de zonas de baño.

O departamento autonómico cambiou a clasificación en base a un artigo da directiva do Parlamento Europeo de xestión da calidade das augas de baño que permite variar as series de datos utilizadas para a avaliación no caso de que se realizaron obras de mellora na rede. O Concello reclamou acollerse a esta cláusula, lembrou á Xunta que a praia de Sada obtivera bos resultados durante o último verán e apelou á execución dunha serie de melloras na rede para evitar episodios contaminantes, como arranxos no calexón da Lagoa, a instalación dun by pass que comunica o colector xeral co da rúa do Río, a reparación dun pozo de rexistro do colector da rúa Venezuela ou a substitución das redes principais e as súas acometidas nun tramo da rúa do Río e a travesía da Obra.

O alcalde de Sada, Benito Portela, incidiu onte na necesidade de "seguir traballando" na renovación da rede de saneamento para "devolver a auga ao medio nas mellores condicións posibles". O rexedor destaca que aínda queda moito traballo por diante para dotar a Sada dunha infraestrutura óptima e espera que o plan director de saneamento, cuxa redacción licitou agora a Xunta, comece a executarse canto antes.

O Ministerio de Medio Ambiente mantén a obra da praia pendente.

Demarcación de Costas mantén aberto o proceso para licitar as obras de rexeneración da praia de Sada, pendente aínda da apertura de ofertas económicas, que foi suspendida a finais de outubro. 

Arquivado en