2020 ANO ISAAC DÍAZ PARDO - DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

27 / DEC / 2019

 2020 ANO ISAAC DÍAZ PARDO - DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

Declaración institucional acordada por todos os grupos políticos da Corporación sadense que se leeu o 26 de decembro no transcurso do Pleno Ordinario.

Neste 2020 que está a piques de comezar, conmemórase o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo, figura senlleira e fundamental na historia de Galicia e fillo predilecto de Sada.

O Concello de Sada ten o deber de recoñecer, en primeiro lugar, o Isaac persoa, o Isaac veciño, o sementador de ilusión e futuro entre as xentes do común, o conservador da memoria dun país. Eses valores propios da súa persoa ben deberían rexer os destinos de todo pobo que procure o progreso, a solidariedade e a galeguidade en cada paso que dá. Como tal, debemos e queremos facelos nosos.

O Concello de Sada quere, así mesmo, recoñecer o Isaac comprometido co seu país, dando a coñecer o xigantesco traballo feito por el, valorizando e transmitindo a súa tarefa de preservar, fortalecer e reconstruír a memoria e a cultura de Galicia, sobre todo tendo en conta os fatais acontecementos históricos que lle tocaron vivir e que marcaron fondamente a súa experiencia vital. É preciso tamén facer agromar as pequenas historias da xente que o converten no que ao fin todos somos: unha persoa de carne e oso, un ser humano.

As Cerámicas do Castro, Sargadelos, o Laboratorio de Formas ou as Ediciós do Castro son fitos históricos da traxectoria de quen, alén da súas facetas artística e empresarial, tamén foi editor, escritor, deseñador industrial, promotor cultural, mecenas... Un xigante home pequeno plantado en plena modernidade, promotor de “causas xustas”, co seu apoio constante a todas aquelas iniciativas que buscaban progresar, botar luz sobre a realidade e aportar en positivo, recoñecendo sempre a memoria dos vencidos.

Asemade, o Concello de Sada quere ser portavoz da mensaxe do Isaac libertario, e por iso valora, recoñece e comparte a súa loita a prol dunha Galicia sen cadeas, sen complexos, audaz e digna, coñecedora do seu pasado e crente nun futuro de seu.

O 5 de xaneiro de 2012 finaba Isaac, o home, e agromaba Isaac, a lenda. O Concello de Sada ten moi clara a verdadeira dimensión histórica do seu veciño do Castro de Samoedo e asume a enorme responsabilidade de manter acesa a luz que el, canda a súa muller Mimina, nos legou, para que as vindeiras xeracións nunca esquezan que o noso veciño foi unha das figuras máis determinantes da historia de Galicia, na segunda metade do pasado século.

Arquivado en