El gobierno local explica en Meirás las alegaciones municipales al proyecto de baterías

10 / MAR / 2026

El gobierno local explica en Meirás las alegaciones municipales al proyecto de baterías

O goberno local mantivo unha reunión coa veciñanza da parroquia de Meirás para explicar en detalle as alegacións presentadas polo Concello de Sada ao proxecto de instalación de almacenamento de enerxía eléctrica en baterías previsto na zona. O encontro, que se prolongou durante preto de dúas horas, contou coa participación de arredor de medio cento de veciños e veciñas.

Durante a reunión expuxéronse os principais argumentos técnicos das alegacións presentadas polo Concello e resolvéronse as dúbidas e preocupacións trasladadas pola veciñanza. Desde o goberno local trasladouse tamén o firme compromiso do Concello de traballar para evitar que esta instalación se execute na localización inicialmente proposta, defendendo en todo momento o interese público e o benestar da veciñanza da parroquia.

O alcalde, Benito Portela, tamén quixo felicitar aos veciños e veciñas polas alegacións que presentaron ao proxecto, destacando o valor do traballo conxunto entre a administración local e a cidadanía cando se trata de defender o territorio e os intereses da comunidade. Así mesmo, lembrou que en anteriores ocasións nas que o Concello presentou alegacións de carácter urbanístico ante proxectos de distintas características, estas foron atendidas polas administracións competentes e os proxectos acabaron sendo paralizados. Por iso, sinalou, existe confianza en que neste caso tamén se teñan en conta os argumentos técnicos presentados.

O goberno municipal reafirma así a súa vontade de seguir informando á veciñanza e de actuar con rigor na defensa do territorio e da calidade de vida das persoas que viven en Meirás.

Arquivado en