
O goberno local convoca á veciñanza de Meirás a unha reunión para detallar as alegacións presentadas
O Concello de Sada presentou alegacións ao proxecto de instalación de almacenamento de enerxía eléctrica en baterías (BESS) Heliades Sada 1 e 2, actualmente en tramitación ambiental pola Xunta de Galicia. O informe municipal conclúe que as actuacións proxectadas non se axustan á normativa urbanística aplicable e detecta importantes carencias no estudo ambiental presentado pola promotora.
O informe municipal conclúe que o proxecto non se axusta á normativa urbanística vixente. As parcelas afectadas están clasificadas como solo rústico de protección de infraestruturas e unha delas carece de acceso rodado de uso público adecuado, incumprindo a Lei do Solo de Galicia. Ademais, as liñas de evacuación proxéctanse sobre solo de núcleo rural suxeito a actuacións integrais, onde non se permiten novas construcións en tanto no se aprobe o plan especial previsto no PXOM.
No ámbito ambiental, o Concello cuestiona o estudo de alternativas, xa que as instalacións lindan cos núcleos de Souto da Igrexa e Muiño do Vento, estando en contacto directo coa poboación, mentres non se analizan outras posibles localizacións máis afastadas e cun menor impacto. Tamén se detectan deficiencias no estudo acústico, ao non xustificar o cumprimento dos límites legais de ruído en áreas residenciais contiguas, e non se avalían adecuadamente as emisións radioeléctricas nin as posibles emisións contaminantes asociadas aos equipos.
O goberno municipal quere trasladar unha mensaxe clara á veciñanza: o Concello actuará sempre con rigor e responsabilidade para defender o interese público xeral e, neste caso, o dos veciños e veciñas da parroquia de Meirás. A transición enerxética é necesaria, e todas as administracións debemos dar pasos no impulso á instalación de industrias non contaminantes, pero ese camiño debe facerse con garantías legais, ambientais e de seguridade.
Por outra banda, tal e como anunciou o alcalde no pleno da pasada semana, o vindeiro luns 9 de marzo ás 20h, convócase unha reunión coa veciñanza na Casa do Pobo de Meirás para dar traslado detallado das alegacións presentadas e resolver todas as dúbidas.