CONVOCATORIA DA XVII MOSTRA DE TEATRO AFECCIONADO DO CONCELLO DE SADA, PREMIOS LUGRÍS FREIRE 2024

12 / FEB / 2024

CONVOCATORIA DA XVII MOSTRA DE TEATRO AFECCIONADO DO CONCELLO DE SADA, PREMIOS LUGRÍS FREIRE 2024

Esta convocatoria ten por obxecto promover a actividade teatral de carácter afeccionado e dar a coñecer entre a poboación sadense unha selección das creacións artísticas contemporáneas, no eido do teatro afeccionado. A proposta terá un formato de mostra ou festival, con varias datas nas que as compañías previamente seleccionadas representarán as súas obras. Na Mostra entregaranse os «Premios Lugrís Freire», en lembranza do escritor e dramaturgo sadense, un dos máximos expoñentes do teatro social galego, director da Escola Rexional de Declamación e homenaxeado coas Letras Galegas 2006. Será o público quen exprese a través das súas valoracións cales serán as compañías premiadas nesta edición.

BASES DA XVII MOSTRA DE TEATRO AFECCIONADO DO CONCELLO DE SADA, PREMIOS LUGRÍS FREIRE 2024

ANEXO I - SOLICITUDE

ANEXO II - DECLARACIÓN RESPONSABLE

DECRETO APROBACIÓN BASES PARTICIPACIÓN  XVII MOSTRA DE TEATRO AFECCIONADO

19/02/2024 - ANUNCIO NO BOP "Convocatoria da XVII Mostra de Teatro Afeccionado do Concello de Sada. Premios Lugrís Freire 2024" (Aberto prazo de inscrición do 20 de febreiro ao 4 de marzo)

 

A finalidade da Mostra de Teatro Afeccionado do Concello de Sada é a de fomentar a cultura en xeral e as artes escénicas en particular. Configúrase como unha cita anual na que terán cabida os traballos presentados por compañías de teatro amador, coa idea de servir de impulso para a participación popular na cultura e para promover o teatro como medio de enriquecemento cultural.

Por medio deste certame o Concello de Sada desenvolve unha acción de democratización da cultura, ao facer accesible para a cidadanía a creación escénica actual, pero tamén unha acción de creación de públicos e de formación dun gusto crítico, dándolle ás persoas asistentes a posibilidade de expresar e valorar os espectáculos presenciados.

A Mostra tamén ten unha compoñente dinamizadora da participación activa das nosas veciñas e veciños, xa que é un espazo aberto para amosar as montaxes das compañías teatrais locais. Tanto a Compañía Municipal de Teatro (Leneas Teatro) como outras agrupacións locais, que se manteñen grazas á iniciativa, compromiso e bo facer de veciñas e veciños, poderán formar parte do cartel da Mostra, aínda que sen participar no concurso dos premios.

A XVII edición da Mostra celebrarase en varios sábados e domingos consecutivos, no mes de abril de 2024.

 

QUEN PODE PARTICIPAR?

Poderán participar compañías ou asociacións que conten cun grupo de teatro afeccionado, independentemente da súa procedencia. As compañías interesadas poderán presentar as obras que desexen, sen límite de temática ou xénero, tendo en conta que:

  • Non se aceptarán a concurso obras xa seleccionadas e representadas pola mesma compañía en edicións anteriores deste certame.
  • Deberán empregarse os anexos de solicitude (ANEXO SOLICITUDE e ANEXO DELCARACIÓN RESPONSABLE), cubrindo os datos descritivos e a documentación que se describe na base reguladora 8ª.
  • As compañías deberán dispoñer da autorización da autora/autor da obra para a súa montaxe e representación.  Poderán presentarse entidades con forma xurídica sen ánimo de lucro ou colectivos cidadáns sen forma xurídica.
  • As obras poderán representarse en calquera lingua.

 

COMO SE FARÁ A SELECCIÓN DE OBRAS?

A XVII edición da Mostra de Teatro Afeccionado seleccionará 5 obras de entre todas as solicitudes de participación que se reciban en prazo. Haberá unha Comisión de Selección, formada por persoas nomeadas pola Concellería de Cultura do Concello de Sada, que deberá seleccionar as 5 obras que participarán nesta edición da Mostra. Para esta tarefa, proporase a participación de persoal docente e alumnado da Cía. Municipal e da Escola Municipal de Teatro de Sada.

A selección realizarase en base a criterios artísticos, relacionados coa proposta escénica, a calidade interpretativa, a calidade do texto ou a capacidade do elenco para transmitir emoción e desenvolver a temática tratada. A organización incluirá no certame un espectáculo de forma directa, programando a súa actuación na data da gala final, xusto a continuación do acto de entrega de premios. A Comisión de Selección completará a lista de 5 espectáculos que formarán o cartel da «XVII MOSTRA DE TEATRO AFECCIONADO, CONCELLO DE SADA. PREMIOS LUGRÍS FREIRE».

 

ONDE E CANDO SE REPRESENTARÁN AS OBRAS SELECCIONADAS?

Os espectáculos que resulten seleccionados nesta XVII edición programaranse no Auditorio da Casa da Cultura Pintor Lloréns, no formato de entrada gratuíta ata completar aforo, nalgunha das seguintes datas:
DATAS XVII MOSTRA DE TEATRO AFECCIONADO DE SADA. Datas posibles para representación dos espectáculos seleccionados

  • Sábado 6 abril – 19:00 h
  • Domingo 7 abril – 19:00 h
  • Sábado 13 abril – 19:00 h
  • Domingo 14 abril – 19:00 h .
  • Domingo 21 abril – 19:00 h - Gala de entrega de premios 

As compañías seleccionadas deberán aportar declaración responsable de non estar incursa en ningunha das causas de exclusión previstas no artigo 13 da Lei Xeral de Subvencións, e comunicar a situación das obras en relación coa xestión dos dereitos de propiedade intelectual (ANEXO DECLARACIÓN RESPONSABLE).

O Concello de Sada, como organizador do certame, farase cargo dos posibles dereitos de autoría nos casos en que corresponda. O servizo de asistencia técnica do auditorio municipal porase en contacto coas compañías seleccionadas para coordinar as necesidades técnicas das súas montaxes. As compañías interesadas contarán co apoio dun técnico de sala para colaborar na montaxe do seu plano técnico e para asistir durante a realización da obra. Poderán acceder a información sobre a dotación técnica do auditorio municipal nas últimas páxinas destas bases.

 

QUE PREMIOS REPARTE A MOSTRA?

Establécense os seguintes premios:

  • PREMIO DIRECTO COMPAÑÍAS SELECCIONADAS: Establécese un premio directo de 800 € para as compañías seleccionadas para a fase de representacións da Mostra. As compañías seleccionadas perderán todo dereito a recibir este premio se non fose posible representar a obra nas datas dispoñibles para o certame, pasando a ser substituídas pola seguinte obra mellor valorada pola Comisión de Selección.
  • PREMIO LUGRÍS FREIRE AO MELLOR ESPECTÁCULO PARA O PÚBLICO DA MOSTRA: Establécese o Premio Lugrís Freire ao «Mellor espectáculo para o público», cun importe de 400€. O público asistente disporá de tarxetas de votación e depositarán a súa valoración ao final de cada función. O premio será para o espectáculo que acade a puntuación media máis alta.
  • PREMIO LUGRÍS FREIRE AO MELLOR ESPECTÁCULO PARA O XURADO DA MOSTRA: Establécese o Premio Lugrís Freire ao «Mellor espectáculo para o xurado», cun importe de 400€. A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística nomeará un xurado, que estará formado por persoas implicadas na actividade teatral e por representantes municipais. Emitirá unha acta de valoración na que se fallará a compañía premiada. No caso de que o Premio do público e o Premio do xurado recaian no mesmo espectáculo, o premio do xurado outorgarase ao segundo espectáculo con mellor valoración na súa acta.
  • COMUNICACIÓN DOS PREMIOS LUGRÍS FREIRE: Os premios do público e do xurado comunicaranse publicamente na Gala de entrega de premios que se celebrará o domingo 21 de abril e porá o peche a esta edición.

 

COMO SE PRESENTAN AS SOLICITUDES E EN QUE PRAZO?

As solicitudes presentaranse unicamente por medios electrónicos a través do formulario de solicitude normalizado da sede electrónica municipal (sede.sada.gal), mediante o procedemento «Solicitude xeral». A solicitude completarase cos ANEXOS desta convocatoria. Tanto o ANEXO DE SOLICITUDE  como o ANEXO DE DECLARACIÓN RESPONSABLE estarán dispoñibles para descarga na páxina web municipal (www.sada.gal), xunto co resto de información relacionada coa convocatoria da XVII Mostra de Teatro Afeccionado de Sada. 

O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días hábiles e abrirase a partir do día seguinte ao da publicación das base convocatoria no BOP da Coruña, sen que se poida superar a data límite do 15 de marzo de 2024. Cando o órgano instrutor reciba algunha solicitude incompleta, incorrectamente cuberta, con falta de información necesaria ou sen a documentación que debe acompañar a solicitude, requirirá as entidades solicitantes para que as completen, dando un prazo de 10 días hábiles que contará dende o día seguinte ao da notificación do requirimento. Se a entidade requirida non respondese ao requirimento de emenda, entenderase que desiste da súa solicitude. 

Establécese a conta de correo cultura@sada.gal como vía de comunicación coas compañías participantes, a través da cal poderán consultar dúbidas ou solicitar aclaracións e asistencia coa presentación das solicitudes.

 

Arquivado en