AVISO INFORMATIVO - Activación de dispositivo preventivo por risco de asolagamentos

04 / FEB / 2026

AVISO INFORMATIVO - Activación de dispositivo preventivo por risco de asolagamentos

O Concello de Sada procede á activación dun dispositivo preventivo de seguimento, control e preparación operativa ante un posible risco de asolagamentos na zona da desembocadura do río Maior, ao seu paso polo núcleo urbano.

Esta activación ten carácter exclusivamente preventivo, sen que exista na actualidade ningunha situación de emerxencia no termo municipal. O Plan INUNGAL da Xunta de Galicia atópase activado en fase de preemerxencia, de acordo coa información facilitada polos organismos competentes.

O dispositivo actívase en base ás previsións meteorolóxicas que indican precipitacións localmente intensas durante a madrugada, coincidentes coa pleamar, así como a súa continuidade ao longo do día de mañá, no marco dunha alerta amarela. Así mesmo, tense en conta o nivel elevado do caudal do río nas últimas horas.

O Departamento de Seguridade Cidadá e Emerxencias coordina as actuacións de vixilancia e preparación dos medios municipais dispoñibles, entre eles o remolque específico para inundacións e bombas auxiliares, co fin de garantir unha capacidade de resposta inmediata no caso de producirse incidencias.

O Concello de Sada manterá un seguimento continuo da situación e informará á cidadanía a través das canles oficiais de calquera cambio relevante. Ante calquera incidencia ou emerxencia, deberá contactarse co 112.

Arquivado en