A Fundación Barrié selecciona o proxecto Illa Fantasía para participar na V Convocatoria de Proxectos Escolares

20 / NOV / 2016

A Fundación Barrié selecciona o proxecto Illa Fantasía para participar na V Convocatoria de Proxectos Escolares

- O proxecto Illa Fantasía, único seleccionado na provincia da Coruña (os outros corresponden a Pontevedra e Ourense), participou na modalidade de Intercentros.

- "Este curso o proxecto continuou crecendo grazas ao traballo e a implicación do profesorado e nél xa participan centros escolares doutros municipios, sinala Raquel Bolaño, neste senso compre agradecer tamén a implicación  das áreas de educación dos concellos de Culleredo e Betanzos que están a apoiar aos seus respectivos colexios nesta iniciativa"

Sada 18 novembro 2016.

A Fundación Barrié deu a coñecer a resolución da Convocatoria de Proxectos Escolares 2016-2017 onde selecciona dentro da modalidade intercentros o proxecto "Illa Fantasía. A Escola do Unicornio. Primeira viaxe en globo a Illa Fantasía", proxecto que xa leva dous anos desenvolvendose nos centros educativos do concello de Sada xunto á Biblioteca Municipal Suárez Picallo e coa colaboración da concellaría de Educación, Xuventude e Saúde, xestionada pola socialista Raquel Bolaño.

"O proxecto de Illa Fantasía, indica a concelleira,  é un proxecto innovador que xira entorno a que os coles en sí toquen e sintan a rúa e viceversa, partindo dende o fomento da imaxinación e a fantasía dos escolares"

O proxecto de animación á lectoescritura a través da imaxinación, a fantasía e o pensamento creativo nunha escola imaxinaria "A escola do Unicornio" desenvolverase nos cursos de infantil e primaria do CEIP Sada e Contornos (centro de referencia do proxecto que xurde da mestra Esperanza Arias), EEI Carnoedo, CEIP Pedro Barrié da Maza e CEIP Mosteirón, todos eles de Sada, así como no CRA Culleredo e CEIP Sofía Casanova, ambos de Culleredo, e o CEIP Vales Villamarín de Betanzos. Elevándose así a mais de 800 nenos  e nenas participantes.

"Este curso o proxecto continuou crecendo grazas ao traballo e a implicación do profesorado e nél xa participan centros escolares doutros municipios, sinala Raquel Bolaño, neste senso compre agradecer tamén a implicación  das áreas de educación dos concellos de Culleredo e Betanzos que están a apoiar aos seus respectivos colexios nesta iniciativa"

A Fundación Barrié desde a súa creación presta un especial impulso ás iniciativas vinculadas á educación e o fomento do talento en Galicia por ese motivo promoveu a convocatoria de proxectos escolares, co fin de estimular e recoñecer a tarefa do profesorado, os centros e outros axentes do sistema educativo de Galicia.

A convocatoria apoia a realización de proxectos educativos innovadores relacionados coas áreas de actividade da Fundación Barrié: Educación, Ciencia, Patrimonio e Cultura e Acción Social.

Así, a Fundación Barrié seleccionou un total de catro proxectos escolares relacionados coas súas áreas de actuación: Patrimonio, Cultura, Educación, Ciencia e Acción Social, sendo un dos principais obxectivos da convocatoria apoiar a súa realización cos recursos necesarios e difundir os seus resultados a través da web da Fundación Barrié a toda a comunidade educativa.

O proxecto Illa Fantasía, único seleccionado na provincia da Coruña (os outros corresponden a Pontevedra e Ourense), participou na modalidade de Intercentros para centros de ensino de carácter público, concertado ou privado de Galicia con proxectos elaborados por un equipo de profesores de dous ou máis departamentos didácticos en varios centros educativos e que conten coa colaboración do alumnado.

A selección do programa suporá unha subvención de até 7.000€ e o equipo técnico da Fundación Barrié desenvolverá accións de asesoramento,  seguimento e avaliación e visitas aos centros dos proxectos seleccionados que faciliten o adecuado desenvolvemento dos proxectos ademais de pór a disposición dos proxectos profesionais expertos na materia que actuarán en calidade de asesores.

A concelleira de Educación agradece á Fundación Barrié “a súa implicación e aposta polo proxecto” e manda a súa máis sincera felicitación “ao profesorado que está a traballar duro neste proxecto maravilloso"

Entre os criterios de avaliación dos proxectos estaba o grao de innovación educativa da proposta; a utilización de metodoloxías activas dirixidas a desenvolver as competencias básicas e a interdisciplinaridad; a transferibilidad a outros contextos educativos para a utilización por outro profesorado e alumnado do mesmo nivel, etapa ou curso; a capacidade e facilidade para ser difundido e replicado nos centros educativos interesados; o rigor académico e a estructuración dos materiais complementarios e das actividades propostas; a utilización de varios idiomas, galego, castelán, inglés ou outros; o papel activo dos alumnos do centro no deseño e implementación do proxecto e o uso de novas tecnoloxías da información e a comunicación.

Arquivado en