A exposición ‘15 anos de patrimonio marítimo’, de Os Patexeiros, recupera o pasado mariñeiro de Sada na capela de San Roque

20 / MAR / 2023

A exposición ‘15 anos de patrimonio marítimo’, de Os Patexeiros, recupera o pasado mariñeiro de Sada na capela de San Roque

Pezas de barcos, ferramentas para construílos ou maquetas reúnense na mostra, que é antesala do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que se desenvolverá do 3 ao 6 de agosto na vila 20 de marzo de 2023.

A Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros organiza ata o vindeiro día 31 de marzo a exposición ‘15 anos de patrimonio marítimo’ na capela de San Roque, en Sada. Nela pódense ver, de martes a sábado de 10 a 14 horas e de 18 a 21 horas, pezas de embarcacións tradicionais sadenses ou ferramentas para construílas ou arranxalas recuperadas nos 15 anos de vida da entidade.

“Queremos reivindicar que Sada era un porto pesqueiro importantísimo, sobre todo de sardiña, e agora practicamente non existe nada de pesca”, destaca o presidente da entidade, Miguel Martínez, que lamenta “a perda dos poucos fíos que atan o municipio ao pasado mariñeiro”. Por esta razón, a exposición ten como obxectivo “que a cidadanía coñeza o seu patrimonio para respectalo”.

Na capela de San Roque pódense coñecer distintos tipos de embarcacións galegas en 3D, plantillas, cadernos e ferramentas de profesionais da carpintería de ribeira e pezas e aparellos de pesca de barcos sadenses. Entre eles, destaca a Balbina, unha lancha patexeira, única do seu tipo en Galicia. Dedicábase, relata Martínez, á pesca do patexo, un cangrexo da zona utilizado para fertilizar a terra.

A peza estrela da exposición son unhas zocas atopadas na súa bodega: “Era o calzado que levaban os mariñeiros, poñíanlles cámara de coche de goma e puntas e eran as súas botas de traballo”.

Esta exposición abre o programa de actos do XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará na vila do 3 ao 6 de agosto organizado pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), a propia asociación Patexeiros e o Concello de Sada. No porto da vila reuniranse dornas, navíos ou bucetas chegadas de distintas partes de Galicia e tamén outras embarcacións doutras comunidades e países que realizarán percorridos pola ría e, en terra, desenvolverase un variado programa de actividades culturais vencelladas ao mar.

Arquivado en