Sada mellorará a mobilidade no contorno do centro comercial aberto

18 / DEC / 2015

Sada mellorará a mobilidade no contorno do centro comercial aberto

O goberno local aprobou no pleno de onte obras por valor de 800.000€ moitas das cales virán a mellorar a mobilidade e accesibilidade da cidadanía sadense.

As obras de mellora e peonalización da 1ª Travesía da obra, rúa do Río e rúa Ponte, supoñen a súa integración no Centro Comercial Aberto, favorecendo o tráfico peonil.



Sada 18 decembro 2015.

O goberno municipal aprobou no día de onte un paquete de obras con cargo aos distintos plans provinciais por valor de 800.000€.

Varias das actuacións que se van a realizar nos próximos meses foron incluídas polo goberno local para fomentar e consolidar o centro comercial aberto do centro de Sada, como un espazo comercial relevante para a venda e prestación de servizos ao dotalo dunha maior mobilidade e accesibilidade para os peóns e dinamizando o comercio local tendo en conta a situación que está a travesar nos últimos anos.

Neste sentido o goberno local aumenta as rúas do centro urbano que se peonalizan para integralas no chamado centro comercial aberto favorecendo o tráfico peonil, permitindo o tráfico de vehículos a garaxes de residentes e dotándoas de amplas beirarrúas con pavimentos idénticos aos xa existentes en rúas como Linares Rivas.

Desde a concellaría de Urbanismo e Mobilidade, xestionada por Francisco Montouto,  promóvense estas actuación que inclúen a substitución de redes e acometidas así como a instalación de novos servizos e pavimentación na rúa do Río e 1ª Travesía da Obra por un importe de 160.000€ e a pavimentación e da rúa Ponte por un importe de 66.000€.

As tres rúas están situadas no núcleo urbano, teñen unha alta densidade de poboación, soportan un gran tráfico peonil e conteñen un gran número de baixos comerciais destinados a actividades de servizos.

Obras a realizar

Trátase en particular de substituír os tramos de infraestruturas básicas situados en chan público, acometidas de servizos de auga, saneamento e pluviais, así como instalar unha canalización subterránea para iluminación pública.

Coas obras que se proxectan preténdese realizar a substitución das acometidas aos edificios que non cumpran cos criterios de materiais adecuados e a separación das augas residuais e pluviais como se veu facendo noutras zonas comerciais.

Así mesmo instalaranse os tramos necesarios de tubaxe para dirixir as augas provenientes das cubertas dos edificios existentes directamente do colector subterráneo que se proxecta e instalaranse os tramos que se consideren necesarios de canalizacións subterráneas para proporcionar subministración eléctrica e telecomunicacións ás vivendas existentes. Actualmente algún destes servizos atópanse grapados ás fachadas dos edificios e en casos atravesan as rúas con vans aéreos

Finalmente a substitución do 100% do pavimento é unha partida ineludible para conseguir unha maior e mellor mobilidade peonil. Proxéctase un pavimento peonil con plaqueta prefabricada para o paso de peóns e un pavimento vehicular de lastro ambos os separados por un bordo de granito gris a imaxe e semellanza das demais rúas do centro comercial aberto.

Arquivado en