Sada amplía as visitas ao Pazo de Meirás aos escolares

20 / OUT / 2021

Sada amplía as visitas ao Pazo de Meirás aos escolares

As propostas, que van dirixidas a educación infantil, primaria, secundaria e bacharelato, teñen o obxectivo de que os escolares da vila e de concellos da contorna podan achegarse ao Ben de Interese Cultural do Pazo de Meirás.

As concelleiras de Turismo, Cultura e de Educación informan da nova programación de visitas para escolares durante o curso 2021/2022. Desde o Goberno municipal sinalan que “coa chegada do novo curso escolar remitiuse aos centros información sobre as visitas escolares que se prepararon este ano ao Pazo de Meirás co obxectivo que o alumnado coñezan a historia e o patrimonio de Sada”.

Nestas visitas escolares, que comezaron hoxe, percorrerase a finca do pazo de Meirás catalogada como Ben de Interese Cultural coa categoría de Sitio Histórico, dotada de toda unha serie de elementos de valor artístico, cultural e estético.

Unha finca con historia que pode explicar boa parte da historia de Galicia desde o século XIV ata hoxe, e que é coñecida pola súa vinculación coa escritora Emilia Pardo Bazán e co ditador Francisco Franco.

As visitas serán guiadas polo técnico municipal de Turismo e realizaranse en horario de mañá todos os mércores e xoves deste ano.

 

 

Arquivado en