Sada acondiciona a zona da praia das Delicias e instala bancos reciclados en distintos puntos do municipio.

29 / XUL / 2021

Sada acondiciona a zona da praia das Delicias e instala bancos reciclados en distintos puntos do municipio.

A concellaría de Obras e Servizos realizou unha actuación na zona da Praia das Delicias despexando de arbustos en mal estado do espazo anexo ao areal para convertelo  nun miradoiro da ría acondicionado con céspede artificial e bancos de pedra.

O Concello de Sada, a través da concellaría de Obras e Servizos, está a levar a cabo obras de instalación de novo mobiliario público en varias zonas do centro urbano así como o acondicionamento da zona da Praia das Delicias.

Dende o departamento de Obras e Servizos explican que unha vez realizado o acondicionamento do parque infantil da praia, ao que se dotou de novos elementos e céspede artificial, desde a concellaría optouse por reconverter a zona traseira das terrazas do fondo da praia das Delicias, cheas de arbustos en mal estado, e a zona do parque pequeño nun miradoiro da praia e a ría dotado con céspede artificial e bancos de pedra.

A mellora consistiu no corte dos palmitos e arbustos deteriorados, o recheo da zona cunha capa de árido compactado e na instalación de céspede artificial nas distintas áreas.  Finalmente, colocáronse  9  bancos de pedra para que veciñanza e visitantes poidan desfrutar deste pequeno miradoiro e  ter unha visión do mar e a ría sen obstáculos.

Paralelamente, a concellaría está a cambiar os bancos de varias zonas do centro urbano do municipio por outros de plástico reciclado. Os novos bancos que se están a colocar están fabricados en plástico reciclado e reciclable, tanto os pés como os taboleiros son de plástico recuperado da fracción de envases da recollida selectiva.

En total son 35 novos bancos que non requiren mantemento e, entre as súas características, destaca o feito de  que son resistentes á humidade e a todo tipo de axentes químicos até o punto de poder limpar pintadas e graffitis.

Os operarios de Obras e Servizos están a instalalos no Paseo Marítimo, na zona das Brañas e noutras  localizacións  onde tamén se están a retirar os bancos existentes en mal estado os cales se reacondicionarán e se reutilizarán, unha vez mellorados, noutros lugares do municipio.

Precisamente, nos últimos días tamén se acondicionaron e pintaron coas cores do arco da vella, en homenaxe ao colectivo LGTBI, os  bancos da praza Irmáns Suárez Picallo e  se retiraron para acondicionar e repintar coas mesmas cores os bancos situados na zona da Lagoa que en días pasados sufriron actos vandálicos.

Arquivado en