O Pleno da Corporación esixe a inclusión dun novo centro de saúde para Sada no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria.

10 / ENE / 2022

O Pleno da Corporación esixe a inclusión dun novo centro de saúde para Sada no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria.

O alcalde de Sada solicita formalmente unha entrevista co presidente da Xunta de Galicia para poder tratar e concretar, á maior brevidade posible, os acordos precisos para trasladar o centro de saúde á parcela dotacional recollida no Plan Xeral de Ordenación Municipal.

O alcalde de Sada, Benito Portela, en nome da corporación local, ven de enviar unha carta ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, onde  apelando aos principios de colaboración, cooperación e coordinación entre as administracións públicas, realiza unha petición de entrevista persoal para poder tratar e concretar, á maior brevidade posible, entre ambas administracións, “os acordos precisos para trasladar o noso centro de saúde a unha nova zona de doado acceso e con mellores condicións para a localización dun edificio dese tipo, obxectivo e demanda  cuxa necesidade e urxencia xa coñeces”.

O rexedor subliña na misiva que unha das principais e máis insistentes demandas da cidadanía sadense é a do cambio de ubicación do centro de saúde xa que a súa situación actual, debido á inaccesibilidade da mesma, implica serias dificultades e limitacións tanto para a cidadanía en xeral como para a xente maior e persoas con mobilidade reducida en particular.

“A necesidade de contar á maior brevidade cun novo centro de saúde que sexa accesible e funcional e conte cunha oferta de servizos suficiente para garantir unha sanidade pública de calidade que dea servizo aos case 17.000 sadenses, é unha prioridade principal non só do goberno que represento, senón de todos os grupos que conforman a corporación municipal” indica Portela e nese sentido pon en coñecemento do presidente da Xunta de Galicia que, despois de diversas xuntanzas tanto co Conselleiro de Sanidade como co xerente da Área Sanitaria de A Coruña, o Pleno do Concello de Sada acordou o pasado, 19 de outubro de 2020, por unanimidade de todos os Grupos Municipais (Sadamaioría, PP, PSOE, BNG e AV), solicitar desa Consellería a conformidade para cos terreos que o PXOM de Sada reserva como futura ubicación dun novo centro de saúde.

O alcalde de Sada lembra que  despois de agardar un tempo prudencial sen recibir resposta a esta cuestión, dende o Concello de Sada decidiuse avanzar no proceso e, recentemente procedeuse á contratación da redacción do PERI que definirá e reordenará a zona onde se prevé a instalación do novo centro de saúde para Sada e permitirá poñer á disposición da Consellería de Sanidade os terreos precisos para a súa construción.

Precisamente o feito de que no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria non se inclúa un novo centro de saúde para Sada, “ausencia, para nós totalmente decepcionante”, a corporación municipal aprobou no pasado pleno municipal celebrado o 29 de decembro de 2021, co apoio de todos os grupos municipais agás o do Partido Popular que optou pola abstención, o acordo de solicitar á Xunta de Galicia, a inclusión da execución dun novo centro de saúde en Sada dentro do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria así como solicitar á Consellería de Sanidade a subscrición dun convenio de colaboración entre a propia Consellería de Sanidade e o Concello de Sada que estableza a planificación, programación de prioridades, prazos, financiamento e execución das obras necesarias tendentes á construción dun novo centro de saúde na parcela dotacional recollida no Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Arquivado en