INSTALACIÓN DE NOVAS MARQUESIÑAS EN MEIRÁS E FONTÁN

31 / MAI / 2024

INSTALACIÓN DE NOVAS MARQUESIÑAS EN MEIRÁS E FONTÁN

O departamento de Obras e Servizos ven de instalar nestes días dúas novas marquesiñas en Fontán e Meirás e traballan para a instalación de elementos semellantes noutros puntos do concello dada a demanda por parte da cidadanía e a necesidade de que os usuarios do transporte público conten cunha infraestrutura adaptada ás súas necesidades

O departamento de Obras e Servizos ven de instalar nestes días dúas novas marquesiñas en distintos puntos do Concello. 

Unha delas foi instalada na contorna das casas dos mariñeiros, no barrio de Fontán. Neste punto xa existía unha marquesiña na parada dirección Oleiros, máis non en dirección Sada. O Concello habilitou a nova parada logo de tratar coa Dirección Xeral de Mobilidade a súa reubicación. Ademais da instalación da propia marquesiña os traballadores municipais levantaron unha pequena illa para dar maiores garantías de seguridade á mesma e tamén para colocar a sinalización do paso de peóns que hai nas proximidades. Tamén se pintou no chan nova sinalización horizontal indicando a nova parada de bus. 

A outra marquesiña foi instalada en Pé do Muíño, parroquia de Meirás, no cruce da AC-183 e a DP-5812, nunha parada na que até o de agora os usuarios do bus tiñan que agardar entre os contedores do lixo a que chegara o bus. Os traballadores municipais adaptaron a zona e instalaron esta nova marquesiña que dará servizo á veciñanza desta zona.

Dende a Concellería de Obras e Servizos traballan para a instalación de elementos semellantes noutros puntos do concello dada a demanda por parte da cidadanía e a necesidade de que os usuarios do transporte público conten cunha infraestrutura adaptada ás súas necesidades.

 

Arquivado en