Xela Arias Castaño - Día das Letras Galegas 2021

24 / DEC / 2020

Xela Arias Castaño - Día das Letras Galegas 2021

Desde o Concello de Sada queremos celebrar a obra e a figura de Xela Arias cunha ampla programación cultural que daremos a coñecer nos próximos meses e que, tal como aconteceu este ano por mor da Covid-19, estará suxeita á evolución epidemiolóxica. 

Sada, 24 decembro 2020.

A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas de 2021 a Xela Arias Castaño (Sarria, 1962 – Vigo, 2003), quen, ademais de ser unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea, tivo tamén unha frutuosa carreira como profesora, editora e tradutora de clásicos.

Xela Arias, cuxa obra é indubidabelmente singular, transgresora, sincera e comprometida, "concibía a poesía como un xeito de indagar e cuestionar a orde das cousas, de describir o que se aprende a ocultar", como destaca a RAG nun comunicado de prensa.

A procura do "eu" profundo e reflexivo, a afirmación do corpo feminino, a perspectiva de xénero e a procura de novos espazos para a poesía a través da recitación ou diálogo, da fotografía, da música e da pintura son outros eixos principais da obra da autora sarriá. Xela Arias será a quinta muller a que se lle dedica o Día das Letras Galegas, tras Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987), María Mariño (2007) e María Victoria Moreno (2018).

Desde o Concello de Sada queremos celebrar a obra e a figura de Xela Arias cunha ampla programación cultural que daremos a coñecer nos próximos meses e que, tal como aconteceu este ano por mor da Covid-19, estará suxeita á evolución epidemiolóxica.

Xunto coa homenaxe a esta grande autora, e dado que o confinamento e as distintas medidas posteriores non permitiron o desenvolvemento de todas as actividades programadas para honrarmos a traxectoria de Ricardo Carvalho Calero e o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo, o Pleno do Concello de Sada aprobou a iniciativa de prolongar até o 2021 ambas as celebracións co fin de homenaxear debidamente estas figuras imprescindíbeis da cultura galega.