Sada solicita á Xunta unha solución urxente para o PAC de Sada

19 / XUL / 2019

Sada solicita á Xunta unha solución urxente para o PAC de Sada

O Concello de Sada, ven de remitir novamente un escrito ao Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia incidindo na deficitaria dotación de persoal do Centro de Saúde do municipio.

Sada 19 xullo 2019.

O Concello de Sada entende que a situación non é un problema de compartir o PAC cos veciños e veciñas de Bergondo senón que o problema "radica no servizo que se ofrece dentro do centro, superado pola demanda, con escasos recursos humanos e sen que se cubran as necesidades mínimas dos nosos concidadáns".

No escrito Sada lembralle á consellería que "no século XXI non pode haber un PAC sen atención pediátrica nin un só segundo (15% da poboación entre 0 e 14 anos), coma xa ocorreu neste Concello,  e despois clamar pola escasa natalidade do país".

Achéganse ao escrito os datos de ratio por habitantes do persoal sanitario indicando que "é inaceptable que teñamos un facultativo de fisioterapia para 16.000 habitantes, cando nos concellos da área metropolitana o ratio de habitantes/facultativo e menor de 5.000". Achega tamén o concelleiro ratio/habitantes do diverso persoal sanitario no PAC de Sada. Así para medicina xeral só hai un facultativo por cada 2.000 habitantes, en Pedriatría un por cada 2.150 habitantes, en Enfermaría un por cada 2.285 e na Función Administrativa un por cada 4.000 habitantes, sendo estos ratios de persoal médico por habitantes moi superiores aos demáis PAC dos concellos da comarca, en algúns casos en máis dun 100%.

Remata a demanda o Concello solicitando "unha solución urxente por parte da Xunta de Galicia para as necesidades evidentes, demostradas e contrastadas do Centro de Saúde de Sada. Non podemos ficar nin un segundo máis nestas condicións polo ben dos nosos cidadáns, polo ben tamén dos veciños e veciñas de Bergondo e polo dos nosos visitantes na época estival".