Sada programou máis dun evento deportivo á semana durante o ano 2018

18/02/2019

Sada programou máis dun evento deportivo á semana durante o ano 2018

-A concellería de Deportes organizou ou colaborou en 69 eventos deportivos o pasado ano, un 38% máis que o ano anterior, convertendo ao municipio no máis deportivo da área metropolitana.

 


Sada 18 febreiro 2019.

Torneos de baloncesto, xadrez ou ximnasia artística, campionatos de patinaxe, salvamento deportivo ou fútbol praia, campus deportivos en varios deportes, regatas de vela, festas fin de tempada, exhibición de deportes minoritarios ou carreiras atléticas de todo tipo sumaron un total de 69 eventos durante o pasado ano no municipio sadense.

A concellería de Deportes, xestionada por Zeltia García, realizou balance da pasada tempada arroxando un resultado dun 38% máis de participación, colaboración ou programación de eventos deportivos con respecto ao 2017.

Zeltia García valora moi positivamente estes datos e engade que este espectacular aumento obedece por unha banda ás incorporacións de novos clubs durante os dous últimos anos así como ao aumento do investimento en material da área que lle leva a poder colaborar máis activamente coas entidades “que son o verdadeiro motor deportivo de Sada e a quen agradezo a súa constante dedicación sobre todo cos máis novos”.

Sada ten rexistradas vinteduas entidades estritamente vinculadas á actividade física, que son capaces de mover de maneira regular a máis de 3.000 deportistas entre federados e non federados e que contan case con 5.300 socios, segundo os datos dos que dispón o Rexistro Municipal de Asociacións.

Unha cantidade nada desdeñable para unha poboación de 15.800 veciños, o que supón que un de cada tres practica deporte ou pertence a algunha entidade deportiva. Estas cifras, xunto coa cantidade de eventos que a concellería de deportes programa ou colabora ao longo do ano converten ao Concello de Sada no máis deportivo da área metropolitana.

As cifras destacan e máis se se ten en conta que non se contabilizan os que optan polas escolas deportivas municipais, os usuarios da piscina, as pistas polideportivas, os ximnasios privados ou os que adestran de maneira independente sen a cobertura dunha entidade, destaca Zeltia García.


Arquivado en:
Alcaldía. Novas. Avisos. Sada. Deportes.

Temas:
Mobilidade. Deporte. Participación cidadá.

AXENDA