SADA DEMANDA DA XUNTA A INCOACIÓN URXENTE DA MODIFICACIÓN DO DECRETO BIC DO PAZO PARA ASEGURAR A INTEGRIDADE DO MESMO.

21/04/2021

SADA DEMANDA DA XUNTA A INCOACIÓN URXENTE DA MODIFICACIÓN DO DECRETO BIC DO PAZO PARA ASEGURAR A INTEGRIDADE DO MESMO.

Ante o Auto da Audiencia, a Xunta de Galicia debe adoptar medidas inmediatas para evitar a retirada dos bens mobles do Pazo polos Franco.

 


Sada, 20 abril 2021.

Unha vez coñecido o lamentable Auto da Audiencia Provincial, o Concello de Sada demanda publicamente da Xunta de Galicia que de xeito inmediato e urxente acorde a incoación de expediente de modificación do Decreto 299/2008, de declaración BIC do Pazo, aos efectos de incluír no seu Anexo a relación de bens mobles que quedan asociados á categoría de sitio histórico. De tal xeito que o dito acordo de incoación, unha vez publicado no DOG,  xa outorgaría automaticamente a ditos bens as debidas cautelas para evitar que os Franco podan exercitar o dereito de retirada que  o desatinado Auto lles recoñece.

O Concello de Sada, tanto en vía xudicial como en administrativa insistíu durante todo o proceso na necesidade de que a Xunta de Galicia relacionase aqueles bens mobles que pola súa significancia quedaban asociados á categoría de sitio histórico. Unha categoría na que continente (ben inmoble) e contido (bens mobles) conforman un todo unitario.

Desgraciadamente, nin o Xulgado no seu momento, nin a Xunta atenderon tal demanda. Unha demanda que agora é mais urxente e necesaria, se queremos evitar que os Franco retiren bens mobles de significativa e relevante importancia cultural e patrimonial.

Desde o Concello de Sada considérase que a  execución provisional da sentenza que ordena a entrega do Pazo ao Estado non pode ser allea ao contido de bens mobles existente no interior do BIC. “Ou a Xunta se move e adopta o que agora o concello de Sada lle demanda ou despois pode ser tarde. O Pazo de Meirás quedaría degradado e desvalorizado se os Franco retiran os bens mobles do seu interior”, declara o alcalde de Sada.

Benito Portela móstrase categórico neste asunto, e subliña que a sentenza de 2 de setembro non ordenou a entrega dun ben calquera ao seu lexítimo propietario, “O que ordenou foi a entrega ao Estado dun BIC coa categoría de sitio histórico”.

Polo demais, o alcalde de Sada considera especialmente lamentable varias das consideracións contidas no Auto da Audiencia. “O Estado non incautou nada. Quen se apropiou de bens durante anos foron os Franco. O Estado de Dereito tamén é a defensa da integridade dun BIC”, conclúe Benito Portela. 

Arquivado en:
Novas. Alcaldía . Meirás. Urbanismo.

Temas:
Urbanismo. Participación Cidadá.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA