Sada cambiará toda a rede de pluviais desde Fontán até a Avenida do Porto

18/11/2020

Sada cambiará toda a rede de pluviais desde Fontán até a Avenida do Porto

A licitación que finaliza o 18 de novembro ten un orzamento de 225.367,76 euros (ive incluído)

As obras servirán para separar a canalización de pluviais e saneamento no Camiño do Cemiterio evitando que as augas pluviais cheguen á rede de saneamento, e finalmente á estación de tratamento.

Tamén se inclúen no proxecto dous colectores, un por cada marxe, da avenida de Sada e os seus Contornos, até a parte máis próxima á zona portuaria, onde ambos os colectores se unirán nun colector de maior diámetro, e até alcanzar o colector de conexión na zona portuaria.


Sada, 12 novembro 2020

O Concello de Sada pública na Plataforma de Contratación do sector público a licitación das obras de instalación de pluviais na avenida de Sada e os seus Contornos (desde o barrio de Fontán até a avenida do Porto) e no Camiño do Cemiterio.

Este proxecto realízase para conectar o colector existente de augas pluviais, que, nun determinado pozo na rúa Camiño do Cemiterio, se conecta cun colector de saneamento, a un novo colector exclusivo para transporte de augas pluviais, que se conectará cun dos dous colectores de augas pluviais que se colocarán na avenida de Sada por ambas as marxes, e alcanzarase o colector situado xa na zona portuaria.

Na rúa Camiño do Cemiterio de Sada, existe un colector de augas pluviais, que, nun determinado pozo da rúa, se conecta á rede de augas fecais, transformándose así o colector en unitario. Este colector unitario ocasiona diversos problemas.

En primeiro lugar, en condicións normais de funcionamento, provoca que se transporten augas pluviais á estación de tratamento de auga potable, así como aos diversos bombeos que existen antes de chegar á citada estación de tratamento. Isto xa supón un problema, pois durante estes últimos anos detectouse un exceso de caudal que alcanza a depuradora nos momentos de choiva, e por iso desde a Concellaría de Obras do Concello de Sada estase a realizar unha serie de investimentos para evitar que as augas pluviais cheguen á rede de saneamento, e finalmente á estación de tratamento.

En segundo lugar, fai que, en condicións de intensidade elevada de choiva, se produzan desbordamentos do citado colector. O feito de levar as augas de escorras superficiais pola rede de saneamento ademais produce un maior custo de explotación das estacións de bombeo. Ocasiona un elevado desgaste dos rodetes das bombas, xa que as augas de escorras superficiais arrastran area e gravas, que erosionan os rodetes dos grupos de bombeo, o que diminúe a súa vida útil. Ademais nos sistemas unitarios os areeiros dos pozos de bombeo, así como da estación de tratamento, requiren limpezas moi frecuentes.

Outro punto que hai que engadir é o referente á explotación da estación de tratamento. Mentres que os sistemas unitarios non sofren grandes variacións de caudal, e a contaminación da auga é bastante constante, nos sistemas unitarios acontece todo o contrario. Nos sistemas unitarios o caudal dependerá da pluviometría, polo que será moi variable, e ademais tamén a contaminación variará de forma notable, xa que en condicións de choiva intensa, esta estará moi diluída, sendo estes cambios un dos grandes problemas para a correcta xestión das estacións de tratamento.

Así pois, as obras que vai realizar o Concello de Sada na zona son a colocación dun colector para o transporte de augas pluviais, desde o pozo onde actualmente se unen os colectores de pluviais e fecais na rúa Camiño do Cemiterio, de tal maneira que se teña un colector de pluviais e outro de fecais.

Tamén se inclúe no proxecto dous colectores, un por cada marxe, da avenida de Sada e os seus Contornos, até a parte máis próxima á zona portuaria, onde ambos os colectores se unirán nun colector de maior diámetro, e até alcanzar o colector de conexión na zona portuaria. Tamén se considera a realización de pozos de rexistro, así como de sumidoiros para recoller as augas de escorras superficiais.

A colocación do citado colector proxéctase na zona de aparcadoiro, xa que non é posible colocalo nas beirarrúas, pois baixo estas encóntrase a rede de distribución de auga potable,a rede de saneamento de augas residuais, a canalización de telecomunicacións e as canalizacións eléctricas. O citado colector que se proxecta alcanzará o mar conectándose a un colector existente de maior capacidade hidráulica e que verte ao mar na zona portuaria.

Dada a transcendencia das características das obras descritas, considérase necesario o prazo de sete meses, a partir da data de adxudicación definitiva para a realización desta importante actuación na rede de pluviais municipal.

O Orzamento de Contrata desta obra ascende a DOUSCENTOS VINTE E CINCO MIL TRESCENTOS SESENTA E SETE EUROS CON SETENTA E SEIS CÉNTIMOS DE EURO (225.367,76 euros).


Arquivado en:
Novas. Urbanismo. Sada. Obras e Servizos.

Temas:
Subvencións e Axudas. Urbanismo. Participación Cidadá. Obras e Servizos.

AXENDA