Sada aproba a reducción de prezos na matriculación da Escola Infantil FloraRamos

06 / OUT / 2020

Sada aproba a reducción de prezos na matriculación da Escola Infantil FloraRamos

A corporación aprobou onte a modificación da matrícula na Escola Infantil Flora Ramos, polo que a partir da matriculación do segundo fillo ou filla da unidade familiar se aplicará para estes un desconto dun 100 % nos servizos da atención educativa

Sada, 6 outubro 2020

A corporación aprobou no pleno extraordinario que tivo lugar onte a Ordenanza reguladora da prestación patrimonial de carácter público non tributaria polos servizos da Escola Infantil Flora Ramos "Florita".

A introdución da Disposición adicional novena na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, regula unha compensación por parte da Xunta de Galicia do importe da bonificación que, no seu caso, apliquen os concellos para a atención educativa nas escolas infantís de 0-3 anos do segundo fillo e sucesivos da unidade familiar.

Por outra banda, a Disposición final duodécima da Lei 9/2017, de contratos do sector público introduce na normativa reguladora das facendas locais o concepto de prestación patrimonial de carácter público non tributario para aquelas que se esixan coactivamente pola prestación dun servizo xestionado de xeito indirecto. Estas prestacións regularanse mediante ordenanza. Procede polo tanto a adaptación da regulación dos ingresos municipais previstos na Ordenanza municipal nº 31, reguladora da taxa pola prestación de servizos da escola infantil municipal Flora Ramos “Florita”, de xeito que a súa natureza se adapte á normativa citada.

A concelleira de Benestar, Isabel Reimúndez, sinalou no Pleno que “sendo a intención do Goberno municipal a implantación desta medida, urxe a modificación das tarifas polo dito servizo de xeito que se poida facer efectiva”.

Un dos cambios máis significativos na Ordenanza é o desconto dun 100 % nos servizos da atención educativa a partir da matriculación do segundo fillo ou filla da unidade familiar, polo que pasará a ser de balde a matriculación nestes supostos.