Sada acollerá o Curso de Verán "ARREDOR DE MEIRÁS: HISTORIA OU PRESENTE?"

27 / XUN / 2019

Sada acollerá o Curso de Verán "ARREDOR DE MEIRÁS: HISTORIA OU PRESENTE?"

A Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo e a CRMH convocan 8 e 2 bolsas respectivamente para matrículas.

Matrícula en liña

Programa Curso Verán Meirás

Sada, 26 xuño 2019.

No vindeiro mes de xullo, Sada acollerá un dos cursos que se celebran no marco da Universidade de Verán 2019, da Universidade de Santiago de Compostela.

“Arredor de Meirás: historia ou presente?” é o título do curso que organiza o Grupo de Investigación Hispona baixo a dirección do profesor Emilio Grandío e que terá lugar entre os días 16 e 19 na Casa da Cultura Pintor Lloréns.

O curso conta co patrocinio do Concello de Sada e coa axuda da Deputación da Coruña. Estrutúrase en catro xornadas nas que se abordarán, mediante ponencias, mesas redondas e visitas guiadas, diferentes aspectos do Pazo de Meirás, como o proceso polo que rematou sendo propiedade de Francisco Franco, a súa utilización como residencia oficial do Xefe do Estado ou os debates xurdidos a partir da morte do Dictador en relación á súa titularidade.

Tamén se afondará en cuestións como a utilidade social dos espazos de memoria e as políticas públicas levadas adiante sobre este tema. O obxetivo das xornadas é posibilitar un espazo de reflexión e debate sobre a natureza do franquismo e as súas consecuencias sociais e culturais no presente.

As persoas interesadas en matricularse poden facelo ata o 5 de xullo na web da USC  na que tamén poden consultar o programa. O curso conta con 2 créditos ECTS recoñecidos.

BOLSAS PARA AS MATRÍCULAS

A Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña anuncian que a partir do mércores 26, as persoas que se queiran matricular poden optar a unha das 10 bolsas de 70 € cada unha que sufragan entre as dúas entidades (8 a A. C. Irmáns Suárez Picallo e 2 CRMH) e que se cubrirán por rigorosa orde de solicitude.

Para iso, deberán dirixirse ao correo electrónico comisionsuarezpicallo@gmail.com ou ao teléfono 665 801 557 solicitando a axuda e se lles dará resposta no momento informando acerca da dispoñibilidade de bolsas. O prazo para solicitalas comeza o xoves 27 ás 16:00 h. e concluirá o mesmo día que o de matriculación no curso, o 5 de xullo.